martes, 24 de marzo de 2026

Galicia deixará de ingresar máis de 120 m€ nas arcas autonómicas polas medidas aprobadas polo goberno central para paliar os efectos da guerra de Irán


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu onte de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán “un impacto directo nas arcas autonómicas” xa que Galicia “deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros” nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. 

As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión. 

Deste xeito, no IVE a cesión é do 50 %, mentres que nos impostos especiais esta cesión é do 58 %. Os cálculos provisionais incluídos no informe da Consellería de Facenda e Administración Pública avaliado hoxe no Consello estiman que Galicia deixaría de recibir 40 millóns por cada mes que estea en vigor o decreto. “Hai un impacto na facenda das comunidades que son as que sosteñen os servizos públicos nas autonomías”, indicou Rueda. 

O presidente autonómico lamentou que o Goberno central non tivese en conta ás comunidades á hora de aprobar as novas medidas e destacou que, posto que afecta a tributos que deixan de ingresar os territorios, na práctica isto significa que Galicia achegará un total de 120,6 millóns de euros ás medidas para paliar o impacto do conflito en Oriente Medio, unha aportación que aumentaría no caso de que se prorrogasen as medidas, tal e como sinala o propio Real Decreto Lei.