Hoxe desde o PP de Ga difúndese esta Nota de Prensa:
O PPdeG denuncia que o PSOE insiste, agora na Comisión de Transportes, no bloqueo á ponencia da transferencia da AP-9 a Galicia
O deputado galego Celso Delgado afea ao Goberno de Sánchez o “continuo boicot” ao traspaso de competencias da Autopista do Atlántico, lembrando que se prorrogou o prazo de presentación de emendas á proposición de lei ata en 60 ocasión
Advirte que os socialistas “incumpren o regulamento” e compórtanse “de xeito arbitrario, sen explicacións” ao dilatar o proceso
Madrid 8 de marzo de 2026.- O PPdeG denuncia que os socialistas insisten, agora na Comisión de Transportes, no bloqueo á constitución da ponencia da proposición de lei orgánica (PLO) da transferencia da AP-9 a Galicia, unha demanda histórica dos milleiros de galegos que utilizan a Autoestrada do Atlántico a diario e que sofren a negativa do Goberno central á xestión autonómica, un modelo que reduciría o elevado custo das peaxes, entre outros beneficios para a nosa Comunidade.
O deputado popular Celso Delgado, vicepresidente desta Comisión, afea de novo ao Executivo que “siga boicoteando” o debate desta proposición de lei no relatorio da Comisión. Lembra que, a pesar de acordarse a súa tramitación polo procedemento de urxencia xa no 2024, ata agora a Mesa do Congreso prorrogou o prazo de presentación de emendas ata en 60 ocasións desde que chegou Sánchez —45 nesta lexislatura—.
Para Delgado, estas “dilacións continuas” dos prazos agrávanse cun “incumprimento” do regulamento xurídico por parte dos socialistas. Así, critica que a presidenta desta Comisión, Ester Peña (PSOE), infrinxiu recentemente a súa obriga de convocar a reunión da Mesa e aos portavoces da Comisión nos prazos previstos pola lei, “a pesar dos recordatorios que se lle fixeron”.
“Ata a data de hoxe, a representante socialista non quixo dar explicacións sobre o seu arbitrario comportamento impropio de quen ostenta un cargo institucional dentro do Congreso”, apunta o deputado galego.
INCUMPRIMENTOS DO PSOE
Neste sentido, e ante o incumprimento continuo do PSOE, xa o pasado 28 de novembro de 2025, os deputados do Grupo Popular pertencentes á Comisión rexistraron un escrito dirixido á Presidencia da mesma, denunciando a vulneración do acordo anterior e solicitando, ao amparo do regulamento, a convocatoria dunha Mesa e Portavoces en seguintes datas para tratar o tema.
Porén, Peña non a convocou, polo que na reunión da Mesa do pasado 11 de febreiro, Celso Delgado insistiu en solicitar a inmediata constitución do relatorio, onde o PSOE amosou de novo a súa oposición. Os membros acordaron entón a data do 25 de febreiro para decidir a constitución do relatorio, volvendo os socialistas a incumprir o regulamento ao non convocar a devandita xuntanza.
“Denunciamos este arbitrario comportamento á vez que lembramos á señora Peña que ela, do mesmo xeito que o resto dos españois e os poderes públicos, en virtude do Artigo 9.1 da Constitución, está suxeita á mesma e ao resto do ordenamento xurídico, no que está contido o cumprimento dos acordos validamente adoptados no Parlamento de Galicia”, incide Delgado.
Así, o deputado galego insiste na necesidade de “poñer fin” ao “bloqueo” no Congreso da transferencia da AP-9. Dende o PPdeG demandan o “urxente” traspaso, tendo en conta que o Goberno galego posúe a “experiencia” dun modelo de xestión que permite ter as autoestradas autonómicas máis baratas de España.
