O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o novo decreto que regula a Formación Profesional en Galicia, no que se aposta “por un modelo formativo con máis flexibilidade, máis conectado co tecido produtivo e tamén dándolle cada vez un maior peso á investigación”. Para iso, o novo texto establece as bases dun sistema renovado e dinámico que dea resposta aos novos retos da FP, desde avanzar na innovación aplicada ao emprendemento ata adaptar a estrutura e organización da formación profesional ao mercado laboral en Galicia, articular a colaboración público-privada neste ámbito ou impulsar o recoñecemento de novas figuras profesionais, entre outros.
O obxectivo, segundo resaltou o titular do Executivo galego, é seguir avanzando nunhas ensinanzas que volveron bater récord de matriculados este curso con “máis de 71.000 alumnos, o dobre que no curso 2008/09” e que ten “unha taxa de inserción laboral do 85% na FP xeral e practicamente 100% na FP Dual”. “Non podemos conformarnos, hai que seguir con esta revolución silenciosa”, afirmou.
Entre as principais novidades está a creación da figura do persoal experto asociado de formación profesional así como a posibilidade de contratar persoal experto do sector produtivo, o fomento da colaboración público-privada ou o impulso das ofertas de alta especialización e organizacións modulares por bloques ou unidades de menor duración.
Tamén se promove a internacionalización mediante a opción de deseñar currículos de carácter internacional e dobres titulacións, con validez en máis dun país, e facilítase o recoñecemento mutuo de créditos ECTS coas universidades galegas. A maiores, poténcianse a investigación e a innovación aplicada.
Neste sentido, cómpre destacar que a nova norma galega ten obxectivos máis ambiciosos que a normativa estatal básica que pretende desenvolver, adaptando esta normativa á realidade galega, que xa conta cun modelo de FP moi avanzado. De feito, parte das novidades, como por exemplo a implantación da FP dual intensiva, o incremento das horas de formación práctica e os novos módulos, que duplican en Galicia o inglés na FP, xa funcionaron o curso pasado e este, grazas ao traballo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para implantalos en prol da mellor formación do alumnado.
A previsión é poder publicar o novo decreto no Diario Oficial de Galicia durante o mes de marzo, de tal forma que se aplicaría a partir do curso 2026/27.
Contratación de profesionais
Tal e como explicou Rueda, unha das principais novidades do decreto é “a creación da figura de profesor asociado investigador na FP, unha figura semellante a xa existente na universidade”. Serán persoas que conten cun recoñecido prestixio profesional ou presten os seus servizos en empresas e entidades de importancia significativa para os sectores produtivos galegos e que tamén apoien accións de investigación e innovación aplicada nos centros en que dean clase, así como no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros. “Impartirán clase en másteres de FP ou en ciclos de alta especialización”, indicou o presidente.
Introdúcense, a maiores, outras dúas figuras de profesores. Por unha banda, persoas profesionais expertas, con dominio específico no ámbito do seu sector produtivo, non necesariamente tituladas. Poderán impartir clases en FP cando se requiran para cubrir posibles necesidades de formación.
Por outra, as persoas expertas sénior de empresa, profesionais que poidan acollerse a unha redución parcial de xornada na súa empresa ou organismo equiparado nos anos previos á súa xubilación, ou que estean acollidos á xubilación parcial poderán contratarse para cubrir as necesidades de formación na FP ou para garantir a permanente actualización do currículo no centro por parte do equipo docente e a súa relación coa realidade produtiva.
Integración coa realidade da empresa
Ademais das novas figuras docentes, foméntase a colaboración público-privada, de tal forma que alumnos, docentes e profesionais poidan formarse e recualificarse en función dos novos retos. Ademais de favorecer a formación práctica dos estudantes nas empresas, favoreceranse as estadías temporais do profesorado nas empresas para a formación dos seus traballadores e para a actualización docente.
Tamén se dará pulo aos procesos de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais por parte de colectivos ou grupos de persoas pertencentes a empresas ou a organismos equiparados.
Investigación e innovación
A maiores, procurarase o desenvolvemento conxunto co tecido produtivo de proxectos de innovación e investigación. Neste eido destácase o papel motor do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, e favorécese a creación de redes de centros de innovación avanzada.
Internacionalización
Ademais do incremento do plurilingüismo da FP, xa en marcha desde cursos previos, o decreto establece novas medidas en prol da internacionalización destas ensinanzas. Así, coa finalidade de contribuír á mellora da cualificación das persoas e mellorar as súas posibilidades de mobilidade e de inserción profesional, poderanse deseñar currículos de carácter internacional, que permitan realizar ofertas que combinen os currículos doutros países cos currículos de aplicación en Galicia.
No caso de incluír a formación completa dun título e un título doutro país, a formación poderá constituír unha dobre titulación internacional de FP, con validez en máis dun país
Orientación e validación
O novo decreto potencia a información e a orientación profesional e integral e incorpora a innovación e a intelixencia artificial como instrumentos para reducir o abandono escolar, maximizar o éxito do alumnado do sistema educativo galego, propiciar a mellor inserción laboral das persoas e facilitar a súa formación e capacitación ao longo da vida.
Por outra banda, introdúcese o recoñecemento mutuo de créditos ECTS entre as ensinanzas de formación profesional de grao superior e os títulos oficiais de grao universitario para facilitar o establecemento de itinerarios formativos que recoñezan a formación previamente adquirida. “É dicir, que os alumnos que rematen un ciclo poidan convalidar materias ao pasar a estudar unha carreira”, indicou o presidente. Isto terá que ser desenvolvido posteriormente nun procedemento específico.

