O Partido Popular de Ourense, a través da Vicesecretaría de Igualdade que dirixe Elena Freijedo, celebrou hoxe nos Xardíns do Padre Feijóo un acto con motivo do Día Internacional da Muller no que quixo render homenaxe ás mulleres que forman parte da organización, tanto ás que desempeñan responsabilidades institucionais como ás que traballan de maneira discreta e constante desde as bases do partido, personificadas en Elva Valdés, quen amosou a súa emoción polo recoñecemento ao labor “de todas as mulleres que defendemos a diario ao PP”.
Abriu as intervencións a presidenta da xestora da Xunta Local na cidade, Ana Méndez, quen expresou o seu orgullo por ver como ao longo dos anos “tantas mulleres fixeron historia na vida pública, na política e no noso partido. Mulleres valentes que decidiron dar un paso adiante e participar no mundo político nun tempo no que este era un espazo maioritariamente ocupado por homes. Elas foron quen abriron o camiño para que hoxe moitas outras poidamos estar aquí”.
Laura Blanco, concelleira en Esgos que é, ademais, a máis nova dos populares na provincia, explicou a singularidade da súa vocación, que comparte coa súa avoa Milagros: “A miña avoa, que é concelleira, deu un paso valente nun tempo no que aínda era menos habitual ver mulleres implicadas na política municipal. Fíxoo por responsabilidade, por vocación de servizo e por amor ao seu pobo. Ela ensinoume que a política local non vai de titulares, senón de traballo constante, discreto e moitas veces pouco recoñecido.”
Precisamente, a deputada Ana Belén Vázquez reivindicou durante o acto unha visión da igualdade “sen matices nin etiquetas”, defendendo que “a igualdade que eu defendo, e a que defende o meu partido, non é selectiva nin distingue entre ‘as nosas’ e ‘as outras’, nin entre xeografías nin entre sistemas de distinto signo”. Neste sentido, subliñou que desde o Partido Popular “entendemos a igualdade como un valor universal, que debe ser defendido sempre e en calquera lugar, e non como algo que dependa do signo ideolóxico de quen exerce a opresión”.
O presidente provincial do PP, Luis Menor, pechou o acto poñendo en valor “o compromiso, a responsabilidade e a vocación de servizo” das mulleres populares, subliñando que “a súa presenza non é simbólica nin circunstancial, senón estrutural e imprescindible”. Durante a súa intervención, Menor destacou que o PP de Ourense conta con mulleres que lideran concellos, que representan á provincia en distintas institucións e que asumen responsabilidades orgánicas de primeiro nivel, pero tamén cunha ampla rede de afiliadas e colaboradoras que sosteñen o día a día da organización.
“Sen o compromiso silencioso e constante das mulleres, o noso proxecto colectivo non sería posible”, afirmou, incidindo en que a política mellora cando incorpora talento feminino, capacidade de diálogo e visión social.
Igualdade real e oportunidades
No marco do 8M, o presidente provincial defendeu unha igualdade “baseada nas oportunidades, na liberdade e no mérito”, afastada de confrontacións e centrada en facilitar que cada muller poida desenvolver o seu proxecto vital e profesional sen renuncias. “O noso compromiso é claro: seguir promovendo a participación activa das mulleres na vida pública e fortalecer un liderado feminino sólido, preparado e libre”, sinalou.
O acto, que reuniu a cargos públicos, responsables orgánicos e afiliados do partido, serviu tamén para agradecer o esforzo das mulleres que, desde os distintos ámbitos do PP, contribúen ao desenvolvemento da provincia de Ourense e á consolidación dun proxecto político que aposta pola estabilidade, a responsabilidade e a igualdade de oportunidades. O Partido Popular de Ourense reafirma así, neste 8 de marzo, o seu compromiso firme coa defensa da dignidade das mulleres e coa promoción dunha sociedade máis xusta e equilibrada.



