sábado, 14 de febrero de 2026

O PPdeG urxe ao Goberno central un plan integral de conservación da rede viaria ante o preocupante mal estado de autovías e estradas


Onte o Portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, instou,  ao Goberno central a posta en marcha dun plan integral de conservación para as autovías e estradas de titularidade estatal. Neste senso, apuntou á urxencia de obras de reparación, conservación e mantemento para garantir a seguridade.

Así, indicou que non é unha cuestión nin de semanas nin de meses, senón de anos de denuncias polo mal estado das vías que, agora, se ven desbordadas pola actual situación climatolóxica. Así, referiuse ás estradas N-120, N-550, N-540 ou a A-52. O portavoz popular pediulle ao Goberno que “escoite” á cidadanía e “actúe” de inmediato.

Neste punto, referiuse a un recente estudo da Asociación Española de la Carretera no que se pon o foco na ausencia de conservación da rede viaria estatal e na falta de investimento do ministerio de Óscar Puente. Segundo este informe, o 52% da rede de estradas está en estado grave ou moi grave e precísanse máis de 1.100 millóns de euros para o seu arranxo.

Pazos contrapuxo a un Goberno central que “nin está nin se lles espera” cunha Xunta que “cumpre” e asume a súa responsabilidade. Para este 2026, o Executivo galego

destinará 71,6 millóns de euros á conservación e mantemento dos 5.500 quilómetros das estradas.

Do mesmo xeito, o portavoz do Grupo Popular fixo fincapé no caos do sistema ferroviario, con suspensión do servizo e falta de mantemento da infraestrutura. Lamentou que a fórmula habitual dos grupos da oposición sexa que cos cartos dos galegos se asuman as obrigas do Goberno estatal: “Non é raro escoitarlles pedir que a Xunta faga o que non fai o Goberno e que pague o que non paga o Goberno”.

UNHA OPOSICIÓN QUE SE OPÓN A GALICIA

Para Pazos, no último pleno, os grupos da oposición volveron quedar retratados como antigalegos, ao seren incapaces non defender os intereses da Comunidade.

“Para unha vez que Pontón non quere ser a do non é incapaz de dicir si” e se abstivo á retirada dos recursos de inconstitucionalidade contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, e da repotenciación dos parques eólicos. Tal e como explicou, con estes recursos, por unha banda, párase o plan de choque que impulsou a Xunta para reducir as listas de agarda na dependencia; e, por outra banda, bloquéase o proceso de modernización e remuda de parques eólicos, que permitiría o abaratamento do prezo da enerxía para as empresas e fogares galegos.

Pazos criticou a “postura servil” do PSdeG, que apoia recortar os dereitos dos galegos, boicotear a mellora dos servizos sociais e a bloquear o avance económico de Galicia.