O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo onte en valor o peso específico de Galicia no sector da automoción, lembrando que 1 de cada 4 vehículos fabricados en España o pasado ano saíu da factoría de Stellantis en Vigo, consolidando así o selo Galicia Calidade no mercado global: “Aquí traballan miles de persoas que nos fan sentir orgullosos de que nesta esquina da Península estea unha das industrias automobilísticas máis potentes de Europa”, subliñou.
Así o manifestou, acompañado pola conselleira de Economía e Industria,
María Jesús Lorenzana, durante o acto de embarque no peirao de Bouzas do
vehículo número 15 millóns, que foi producido na factoría viguesa, un fito que
cualificou como proba do camiño de excelencia que percorreu a planta ao longo
das últimas décadas.
Rueda destacou este logro tendo en conta a complexidade do escenario
internacional para o sector da automoción polo impacto da electrificación, as
novas normativas, a competencia de terceiros países e a política arancelaria
xunto co risco de deslocalización. Así, reafirmou o compromiso total do Goberno
galego coa industria a través de medidas como aprobar un plan director
específico que, xunto coas liñas extraordinarias de axudas destes últimos anos,
suman máis de 230 M€ que imos destinar ata o ano 2027 para afrontar retos como
a descarbonización. Destacou estas medidas como “unha tarefa en constante
evolución que require moitos esforzos pero que se recompensan polo que se fai
aquí”.
Vigo: o porto dos
récords
O titular da Xunta tamén felicitou á Autoridade Portuaria de Vigo polos
resultados excepcionais da terminal de Bouzas, que asinou o mellor ano en
número de vehículos operados da súa serie histórica o pasado 2025, con máis de
670.000: “Sodes un elemento importantísimo na consolidación de Stellantis, e
gustaríame tamén darlle as grazas e a felicitación por entender que este
cliente tan potente debe ser atendido como merece”, destacou.
Rueda destacou que este éxito é froito
dunha estratexia planificada que inclúe a ampliación da capacidade de
almacenamento -cun novo silo que se espera que estea operativo en 2027-, a
futura autopista ferroportuaria –trátase do único porto peninsular que a ten
aprobada– e o porto seco nos terreos da Plisan. Estes proxectos, xunto á súa
aposta pola sostibilidade, consolidan a Vigo como un nodo loxístico estratéxico
a nivel europeo, e o presidente reiterou o compromiso do seu Executivo con
todos estes proxectos: “Contade connosco. É fundamental esta industria en Vigo
e en Galicia, e a Xunta estará sempre facendo o posible para que siga
medrando”, resaltou.
