viernes, 20 de febrero de 2026

A Xunta eleva a Europa as demandas en relación ao Corredor Atlántico e as conexións pendentes por alta velocidade

Hoxe o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse con Julie Buy, conselleira do coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch, para abordar as demandas de Galicia en relación co Corredor Atlántico. Na reunión estiveron tamén a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez.

Ademais, Diego Calvo aproveitou para reiterar o convite ao coordinador do Corredor Atlántico para visitar Galicia e coñecer sobre o terreo a realidade e comprender a importancia de conectar debidamente a fachada atlántica para o desenvolvemento e futuro da comunidade e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Xunta agarda que poida materializarse neste ano. O conselleiro referiuse á reunión de hoxe como “moi satisfactoria” e agradeceu a receptividade da conselleira Julie Buy para coñecer e dar traslado das necesidades galegas no eido da mobilidade, así como ao convite para visitar a comunidade.  

Na xuntanza, Diego Calvo insistiu na urxencia de coñecer os datos sobre o avance das obras e proxectos vinculados á rede, así como de ter acceso ao Plan director co detalle das actuacións, investimentos e calendarios, e onde se inclúa, ademais, unha coordinación con Portugal. Para o conselleiro, ter esta información é fundamental, de aí as reiteradas peticións realizadas por parte do Goberno galego ao Goberno central neste sentido. 

Diego Calvo incidiu tamén na demanda dunha integración plena de Galicia no corredor e na necesidade de contar cun plan de traballo que dea prioridade ao ramal noroeste, do que se pide o recoñecemento europeo do seu carácter estratéxico para instar ao Goberno de España ao seu impulso. Nesta liña, apuntou que para Galicia é unha prioridade absoluta o desenvolvemento no seu territorio desta rede, como ferramenta para potenciar ao máximo as oportunidades da súa posición xeográfica estratéxica, as capacidades loxísticas e as relacións con Portugal e Iberoamérica.

Conexións por alta velocidade 

Entre as demandas concretas nas que vén insistindo a Xunta, o conselleiro destacou as obras de alta velocidade pendentes, en especial a da conexión entre Vigo e Porto. Segundo indicou, a situación actual, con demoras continuas por parte do Ministerio no proxecto da saída sur de Vigo, faría inviable a finalización das obras cando menos ata 2038, xa que habería que engadir o treito entre O Porriño e a fronteira lusa e a negociación para construír unha nova ponte internacional. 

Aludiu tamén ao tramos pendentes na conexión entre Galicia e Madrid, nos que hai que completar a dobre vía para unha maior eficiencia, capacidade, velocidade e fiabilidade. A variante de Ourense é outra das obras necesarias para mellorar a alta velocidade neste eixe, xa que é clave para evitar o risco de saturación que provoca a actual entrada a Ourense pola súa sinuosidade e limitacións de velocidade.

Nesta liña, reiterou tamén a necesidade de substituír o ancho ibérico, presente en máis do 80% da rede galega, polo estándar internacional requirido pola Unión Europea para garantir a interoperabilidade. Para o conselleiro, esta mellora é especialmente necesaria no tramo de Ourense a Santiago, onde xa están as travesas preparadas.

Melloras para o transporte de mercadorías

En canto ás mercadorías, Diego Calvo volveu demandar a saída ferroviaria do porto de Ferrol e a finalización da saída do porto exterior da Coruña, e que se fagan vía Lugo-Monforte para optimizar o transporte. Insistiu tamén na petición de que recoñeza os portos de Vigo e de Ferrol como nodais na rede básica e non na global, onde están actualmente e con horizonte para 2050, ademais da necesidade de impulsar autoestradas ferroviarias no noroeste. O conselleiro considera que sen estes avances se pon en risco a cohesión territorial e se limita a competitividave das empresas galegas.