jueves, 29 de enero de 2026

O Parlamento de Galicia insiste na demanda ao Goberno central para que traslade toda a documentación sobre o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa AP-9

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que dea traslado de toda a documentación relativa ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa AP-9 e das comunicacións mantidas pola administración do Estado con este obxecto, ao tempo que adopte cantas iniciativas sexan precisas para facer efectivo o rescate da concesión da AP-9, por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público, e acordar a eliminación das peaxes.

 

“Non pedimos privilexios, senón que Galicia deixe de ser tratada como unha excepción incómoda e que se respecte o que este Parlamento galego leva anos reclamando por unanimidade”, manifestou o deputado popular Rubén Lorenzo, quen apuntou que “o rescate da AP-9 non é unha batalla partidista, é unha cuestión de dignidade territorial, de eficiencia económica e de xustiza social”.

 

OPORTUNIDADE HISTÓRICA

 

Rubén Lorenzo lembrou que a Comisión Europea foi clara: as prórrogas da concesión da AP-9 presentan irregularidades. “Ese ditame abría unha oportunidade histórica para que o Goberno de España actuase con responsabilidade e puxese fin a unha situación que prexudica aos galegos desde hai décadas, pero atopámonos con que o Goberno de Pedro Sánchez non fixo nada: nin transparencia, nin explicacións, nin acceso ao expediente europeo, malia ser solicitado pola Xunta en reiteradas ocasións”, indicou.

 

“Mentres tanto, Galicia fixo os deberes e a Xunta actualizou o estudo económico sobre o rescate da AP-9, que cuantifica esta decisión en 2.356 millóns de euros, un custo practicamente equivalente ao que o Estado terá que asumir en bonificacións ata o final da concesión”, destacou.

 

Ademais, o deputado popular recordou que Galicia, Asturias e Castela e León xa constituíron unha fronte común para reclamar o rescate da AP-9 e da AP-66, “tres gobernos que coinciden na mesma conclusión de que o rescate é ineludible, pero ante a que o Ministerio de Transportes segue sen responder ás cartas, ás solicitudes de reunión e ás peticións de información”.

 

Rubén Lorenzo lamentou, por último, que “Galicia segue a pagar as peaxes máis caras de España, mentres o Goberno central libera outras autoestradas en territorios gobernados polo PSOE”. En concreto, dixo que “nos últimos meses o Goberno de Pedro Sánchez cedeu a titularidade da AP-68 a Navarra, sen dilación nin escusas; liberou as peaxes na AP-7 en Alacante; e mantén bloqueada no Congreso o debate sobre a transferencia da AP-9, recorrendo ao filibusterismo parlamentario máis descarado”.