Asisto hoxe en Madrid, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), a presentación pola Deputación de Ourense da campaña “Provincia termal de Ourense, refuxio familiar”, para orientar cara a este segmento a creación dunha oferta turística multidestino para todo o ano, enriquecendo así o produto de lecer e saúde cun carácter desestacional que xa posúe.
A presentación correu a cargo do presidente Luis Menor; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística, Ilona Shekyants Kazaryan.
«Ourense Provincia Termal, Refuxio Familiar» pretende «captar a atención do segmento familiar, achegándolles propostas orientadas ao desfrute conxunto e adaptadas ás necesidades de todo tipo de familias», explicou Luis Menor, quen lembrou que este é un segmento que «enriquece a nosa oferta e nos permite seguir reforzando o noso atractivo como destino ao longo do ano».
Neste sentido, convén lembrar que as zonas rurais da provincia de Ourense ofrecen a oportunidade de descubrir comodamente a enorme riqueza natural e patrimonial de Ourensa, sendo "a mellor maneira de descubrir a esencia do noso territorio", sinalou o presidente provincial.
Novas propostas adaptadas a todas as familias
A campaña busca dar a coñecer estas novas propostas, que inclúen escapadas para descubrir a natureza e os diferentes centros históricos declarados como Bens de Interese Cultural, actividades culturais, deportivas, de orientación e de observación adaptadas para nenos, así como diferentes ideas para desfrutar dos recursos termais do territorio, que son o elemento diferenciador da provincia termal por excelencia.
Desde un tranquilo paseo ou unha ruta en bicicleta polas ribeiras dun balneario, ata visitas a Centros de Interpretación singulares como o de San Cibrán de Las, con vistas á comarca do Ribeiro, ou o Aquis Querquenae en Bande, ás portas da serra do Xurés, pasando por aventuras en castelos e fortalezas como as de Monterrei ou Castro Caldelas, ou navegando nun pequeno ecobarco polo río Miño… os plans que ofrecen as vilas termais e os centros históricos da provincia son incriblemente variados. E tamén se poden adaptar aos intereses de cada familia.
Unha viaxe no tempo, dende o megalítico á cultura romana, pasando polos castros celtas e o patrimonio medieval de vilas como Ribadavia, Allariz e Pazos de Arenteiro en Boborás, ata as ofertas máis lúdicas do Parque Acuático de Monterrei —situado na entrada da Ribeira Sacra—, o complexo deportivo O Corgo en Muíños e a perspectiva científica do Universo no Observatorio Astronómico de Trevinca. Esta nova iniciativa turística ten como obxectivo mostrar a riqueza patrimonial e a beleza natural da provincia a través dunha proposta moderna e sostible adaptada ás necesidades das familias que viaxan con nenos.
A Deputación reforza a súa estratexia turística coa inclusión do mercado familiar
Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense pretende reforzar o seu atractivo turístico promovendo experiencias dirixidas ao mercado familiar durante todo o ano, ás que se unen outros segmentos, como o turismo sénior, o turismo deportivo ou o Camiño de Santiago, a través da promoción da Vía da Prata que seguirá vixente durante o ano 2026.
Esta campaña, lanzada hoxe en Fitur, forma parte do Plan de Sostibilidade Turística “Ourense colle velocidade: Vilas Históricas e Termais”, que a Deputación de Ourense está a executar en colaboración con Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, financiado por fondos europeos de Nova Xeración e xestionado polo Inorde. O obxectivo deste proxecto é desenvolver unha zona rural onde o turismo, e en especial o termal, sexa un piar fundamental da dinamización socioeconómica.
Esta campaña "Provincia Termal de Ourense, Refuxio Familiar" promoverase nas estacións de tren de Alta Velocidade de Chamartín e Alacant e tamén en liña a través dunha campaña de mercadotecnia dixital segmentada para captar os mercados próximos e o mercado interior gallego.



