A Xunta de Galicia
informou hoxe que subirá ata os 18 euros á hora a súa achega ao Servizo de
Axuda no Fogar (SAF) esta lexislatura, tal e como se recolle na última proposta
de financiamento que vén de aceptar a Federación Galega de Municipios e
Provincias (Fegamp). Deste xeito, o Executivo autonómico cumpre co seu
compromiso de seguir reforzando o apoio aos concellos para aliviar a carga
económica que supón para eles a prestación deste servizo, que é de competencia
municipal.
A
contía pactada representa un incremento significativo e progresivo dun 50%
neste mandato. Deste xeito, pásase dos 12 euros/hora actuais aos 16 euros/hora
este ano, aos 17 euros/hora no 2027 e aos 18 euros/hora no 2028.
Este acordo mellora
considerablemente o pacto que se acadou para a anterior lexislatura, xa que
naquel momento a subida foi do 24%, pasando de 9,7 euros/hora no 2020 aos 12
euros/hora actuais. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola
García, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, asinarán este compromiso en
vindeiras datas.
A
Xunta destaca a importancia que ten o SAF, que permite a arredor de 23.000
persoas con dependencia en Galicia recibir coidados nos seus domicilios.
De feito, os orzamentos da Xunta para este ano recollen un importante esforzo
económico para seguir mellorando a atención á dependencia.
En
concreto, os orzamentos da Xunta para este ano 2026 en materia de dependencia
superan os 844 millóns de euros, o que supón un 17% máis que no exercicio
anterior. Esta suba permitirá seguir ampliando o número de persoas atendidas e
cubrir con fondos propios a falta de compromiso financeiro do Goberno central,
que cada ano reduce a súa achega a Galicia.
