sábado, 27 de diciembre de 2025

Según o IGE en 2023 os sete grandes concellos (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol) concentran o 44,4% do Produto interior bruto de Galicia

 


O Instituto Galego de Estatística (IGE) é un organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1988 e que ten como misión de promover o desenvolvemento do sistema estatístico da Comunidade Autónoma, prestar servizos de recompilación e difusión da documentación estatística dispoñible, desenvolver bases de datos de interese público, analizar as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas e asegurar a súa difusión.

Cumprindo con esta última encomenda, onte o IGE difundíu os Principais resultados do Produto interior bruto (PIB) por concello. (Revisión Estatística 2024. Serie 2010-2023).

https://www.ige.gal/estatico/estatRM.jsp?c=0307007007&ruta=html/gl/OperacionsEstruturais/Resumo_resultados_PIBMunicipal_rev2024.html

Polo seu interese apúntoos neste Blog:


" Principais resultados

·   En 2023, o 44,4 % do Produto interior bruto de Galicia xerouse nalgún dos sete grandes concellos. Vigo (9.760 millóns de euros) e Coruña (9.451 millóns de euros) concentran a cuarta parte do PIB de Galicia.

·   O sector servizos é especialmente relevante nos concellos con maior PIB, excepto no caso do Porriño, no que a metade procede do sector industrial.

·   A comarca da Coruña é a principal xeradora de valor engadido en Galicia (20,7 % do PIB), seguida da de Vigo (17,6 %).

·   Das 53 comarcas galegas, vinte delas presentan especialización produtiva no sector primario, once no sector enerxético; cinco no sector da extracción e fabricación doutros minerais non metálicos e outras cinco no sector da industria da madeira, papel e mobles.

Distribución da xeración de valor no territorio

Os sete grandes concellos (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol) concentran o 44,4% do Produto interior bruto de Galicia.

Vigo é o concello con maior nivel de actividade produtiva, cun PIB de 9.760 millóns de euros, seguido do concello de A Coruña que xerou 9.451 millóns de euros en 2023. Entre ambos concellos achegan o 24,9% do PIB de Galicia.

O terceiro concello en xeración de valor engadido é Santiago de Compostela, que en 2023 xerou 4.840 millóns de euros. Tras Santiago sitúase Arteixo con 3.129 millóns de euros, e a continuación os concellos de Lugo, Ourense e Pontevedra con cifras de actividade superiores aos 2.400 millóns de euros. Os concellos de Ferrol, O Porriño e Oleiros completan a relación dos dez primeiros concellos por volume de actividade económica.

A estrutura produtiva destes concellos presenta algunhas similitudes: a contribución do sector primario ao PIB é baixa (en ningún dos dez concellos supera o 2 %) e o sector servizos é o predominante, excepto no concello do Porriño, superado polo sector industrial. Ademais deste concello, en Vigo tamén o peso do sector industrial no PIB é superior á media galega (16,2 %). Nos outros oito concellos o sector servizos achega, cando menos, o 69,9 % do PIB. O sector da construción é especialmente relevante no PIB de Oleiros, cunha contribución do 17,9 %.



Estrutura produtiva dos concellos de máis de 5.000 habitantes

Para os concellos de máis de 5.000 habitantes difúndese información do valor xerado no sector primario, industria (que inclúe a enerxía), construción e servizos, ademais dos impostos netos sobre os produtos.

No ano 2023, no conxunto da economía galega o sector primario representa o 4,7% do PIB, a Industria e enerxía o 16,2%, a construción o 6,3%, o sector servizos o 64,1% e os impostos sobre os produtos representan o 8,6% restante. Tomando como referencia estes datos, e á vista da estrutura produtiva dos concellos de máis de 5.000 habitantes, podemos destacar os seguintes trazos deste grupo de concellos:

·    Os concellos nos que o sector primario ten unha maior contribución ao PIB son Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muxía, Arzúa e Silleda. En todos eles o peso do sector é superior ao 21%.

·   En tres concellos a contribución do sector secundario (industria e enerxía) supera o 60% do PIB. Trátase de Padrón, As Pontes de García Rodríguez e Valga. Noutros catro concellos a industria e enerxía representa máis da metade do volume de actividade económica total (O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Ribadumia e O Porriño).

·   No concello de Oleiros a construción contribuíu nun 17,9% ao PIB do ano 2023. Outros concellos nos que este sector representa máis do 13% son Sanxenxo, Miño, Brión, Meaño e Bergondo.

·    Santiago de Compostela é o concello de máis de 5.000 habitantes no que o sector servizos representa máis no Produto interior bruto. Boa parte das sete grandes cidades tamén teñen unha contribución deste sector ao PIB próxima ao 75%. Tamén destaca o seu peso en cabeceiras comarcais como Betanzos ou Monforte, así como vilas moi orientadas ao sector servizos como Arteixo, Baiona, Ames, Sada, Barbadás, Soutomaior ou Poio.

Datos comarcais do Produto interior bruto por habitante

Se falamos de PIB por habitante a situación das comarcas é diferente. O Sar ocupa o primeiro lugar, cun PIB por habitante de 44.980 euros, é dicir, un 58 % máis que a media de Galicia (28.529,9 euros). A Coruña rexistra a segunda cifra comarcal en termos de PIB por habitante con 38.659 euros. Xunto as de Santiago e Eume, estas catro comarcas rexistraron en 2023 un PIB por habitante superior, cando menos, nun 25% a media galega.

Terra de Celanova, Muros, Noia e O Condado están entre as comarcas con menor actividade produtiva por habitante. En todas elas o PIB por habitante é inferior ao 60% da media de Galicia.

Especialización produtiva por comarca

As estimacións publicadas polo IGE inclúen información da estrutura produtiva das comarcas cun nivel de desagregación de 16 ramas de actividade, sempre que a salvagarda do segredo estatístico o permita. Este detalle permite construír uns índices de especialización relativa, que comparan a estrutura produtiva de cada comarca coa de Galicia, identificando aqueles sectores máis predominantes, en termos relativos.

Vinte comarcas teñen especialización produtiva no sector primario (inclúe agricultura, gandaría, pesca e silvicultura) e once comarcas teñen especialización produtiva no sector enerxético (Eume, Fisterra, Noia, Terra de Soneira, Chantada, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Celanova, Terra de Trives, Viana e A Paradanta).

A presenza da industria manufactureira é sobranceira en varias comarcas:

·  Especialización produtiva no sector da extracción e fabricación doutros minerais non metálicos: comarca de Ortegal, Quiroga, Valdeorras, O Baixo Miño e O Condado. A importancia do sector na comarca Valdeorras queda reflectida polo seguinte dato: o 26,4% do PIB comarcal provén deste tipo de actividades produtivas.

·   Especialización produtiva no sector da industria da madeira, papel e mobles: comarcas de Betanzos, Ordes, Santiago, Lugo e Tabeirós-Terra de Montes.

·  Especialización produtiva no sector industrial agroalimentario: comarca do Barbanza

·   As comarcas de Ferrol e Vigo presentan especialización produtiva no sector de fabricación de material de transporte e grandes reparacións (inclúe a fabricación de automóbiles e a construción naval, entre outras).

· Especialización produtiva no sector da metalurxia, produtos metálicos, electrónicos, eléctricos e maquinaria: comarcas do Sar, Carballiño, Caldas e O Salnés.

·  As comarcas de A Coruña e Ourense presentan especialización relativa no Resto da Industria, sector que agrupa as actividades do refinamento de petróleo, industria téxtil e confección, farmacéutica, química e plásticos, xunto con outras actividades de menor entidade non recollidas noutras categorías.

·   Só dúas comarcas teñen especialización produtiva nalgunha das ramas do sector servizos: a hostelería no Morrazo e Administración, pública, educación, sanidade e servizos sociais na comarca de Pontevedra.

Datos por provincia

Os datos provinciais obtéñense por agregación dos datos municipais. Nas provincias da Coruña e Pontevedra concéntrase o 78,1% da actividade económica xerada en Galicia. A provincia da Coruña é a responsable do 45,5% e ten un PIB por habitante superior nun 9,2% á media da Comunidade autónoma. A provincia de Pontevedra ten un PIB de 25.126 millóns de euros, pero o PIB por habitante é inferior á media. Ourense achega o 10,2% da xeración de valor na nosa comunidade e é a provincia cun PIB por habitante inferior. O PIB da provincia de Lugo representa o 11,6% do total e, en termos per cápita, situouse no 96,9 % da media de Galicia.


O sector servizos é o sector económico cunha contribución máis elevada ao PIB provincial, porén cómpre destacar algúns aspectos significativos de cada provincia:

  • En Ourense destaca o peso da industria e enerxía: supón o 21,3% do PIB, mentres no conxunto de Galicia supón o 16,2%.

  • En Lugo o sector primario pesa un 14,5% do PIB da provincia, mentres en Galicia supón o 4,7%.

  • A Coruña é a provincia na que o sector servizos ten maior presenza na actividade produtiva: un 68,0% no ano 2023.

  • Na provincia de Pontevedra, o sector industrial (18,2%) e o da construción (6,9%) presentan unha achega ao PIB superior que no total de Galicia. En cambio, o sector primario ten unha contribución inferior (un 3,0%, máis dun punto menos que no total da comunidade autónoma).