Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou o decreto da oferta de emprego público (OEP) da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico para este ano 2025, que ascende a máis de 1.100 prazas (1.103). “Serán 803 prazas de acceso libre e outras 300 para promoción interna”, indicou.
Rueda salientou que o obxectivo da Xunta é “reforzar a
Administración con máis empregados públicos” e, por iso, o Goberno galego
aplicou a taxa máxima de reposición permitida polo Estado, que é a establecida
no ano 2023, xa que son os últimos orzamentos aprobados.
Esta oferta garante a posibilidade de que calquera
persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un emprego fixo, estable e de
calidade na Administración autonómica, tamén o dereito do persoal empregado
público a unha promoción profesional.
Prazas de acceso libre
Do total das 803 prazas de acceso libre, máis de 370
serán para os principais corpos e escalas da Administración xeral, entre as
cales destacan 160 prazas para persoal de limpeza e cociña, 60 para a escala de
persoal subalterno, 49 do corpo auxiliar (C2), 11 do corpo administrativo (C1),
30 do corpo superior (A1), 30 do corpo de xestión (A2) e 11 do corpo
administrativo (C1). Así mesmo, inclúense 10 postos da escala de letrados/as,
10 para a escala superior de finanzas e 16 para a escala técnica de finanzas.
Máis de 380 prazas son para escalas de administración
especial, entre as que Rueda destacou as “138 prazas para o servizo de
prevención e defensa contra incendios forestais”, das que o 90% (124) serán
para bombeiros forestais e 14 para xefes de brigada. Ademáis, vanse convocar
108 para a escala auxiliar de coidadores/as, 50 para a escala de axentes
técnicos de xestión ambiental e 30 para a escala auxiliar de cociña.
A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa
que cumpra os requisitos exixidos nas correspondentes convocatorias.
Así mesmo, ofértanse un total de 38 prazas de acceso
libre en entidades do sector público instrumental autonómico.
Promoción interna
Ás prazas de acceso libre súmanse outras “300 prazas
para a promoción interna do persoal funcionario de carreira”, uns procesos
reservados a empregados e empregadas públicas que xa son persoal funcionario e
que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de
maior responsabilidade e retribución.
En concreto, e tal e como detallou o presidente,
convocaranse 20 prazas para o corpo superior (A1), 50 para o corpo de xestión
(A2), 75 para o corpo administrativo (C1) ou 153 prazas para o corpo auxiliar
(C2), así como 2 prazas para a escala de inspectores e inspectoras de consumo.
Prazas reservadas para persoas con discapacidade
Rueda tamén
resaltou que a reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta
oferta de emprego público acada “o 11,7 % das prazas”. Unha parte delas será
para o acceso de persoas que acrediten discapacidade intelectual. A reserva é
maior do que establece a lexislación, que marca un mínimo do 7 % para facilitar
o acceso da discapacidade á función pública.
