martes, 2 de diciembre de 2025

A Xunta de Galicia rematará o ano con máis de 3.000 novas vivendas públicas en marcha e coas novas medidas que permitirán incrementar o parque público residencial





 A Xunta de Galicia rematará o ano con máis de 3.000 novas vivendas públicas en marcha e coas novas medidas que permitirán incrementar o parque público residencial. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas compareceu no Parlamento para dar conta das actuacións en materia de vivenda ao longo desta lexislatura, detallando os tres eixos nos que traballa o seu departamento para facer fronte á principal preocupación da cidadanía que é o acceso a unha vivenda digna a un prezo accesible: a construción, a rehabilitación e o desenvolvemento de solo residencial. Tres eixos nos que a Xunta tamén implica aos concellos e ao sector privado, “porque a colaboración público- privada é fundamental para dar resposta á elevada demanda de vivenda; é un traballo de todos”

María Martínez Allegue, destacou que o ano que ven a Xunta porá en marcha 1.000 novas vivendas públicas, que se suman ás 3.000 actuais, e comezará a entrega dos novos fogares en Coruña, Santiago de Compostela ou en Pontevedra, situando o 2026 como o ano “do despegue definitivo da vivenda pública en Galicia”, e puxo o acento no tempo récord no que se está a impulsar nova vivenda pública, dentro do reto de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 fogares.

Allegue aproveitou a súa intervención para agradecer a todos os Concellos que están colaborando coa Xunta cedendo parcelas de xeito gratuíto para construír máis vivenda. Recordou que ao logo desta lexislatura a Xunta asinou acordos con A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ames, A Estrada, Lalín, Teo, Mos, Vilagarcía de Arousa, Carballo, San Cibrao das Viñas, Arteixo e Narón. Por último, recordou que oConsello da Xunta desta semana aprobou a cesión de solo do Concello de Bueu. O total de fogares que se van a construír neses solos cedidos polos concellos suman 700 vivendas.

Estratexia da Xunta en 2026

Allegue deu conta da folla de ruta que ten o Goberno galego e sinalou que a Xunta está construíndo fogares públicos a través do IGVS e a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (VIPUGAL), desenvolvendo solo para construír e adquirindo directamente vivendas de promoción pública a particulares para a súa cualificación como vivenda pública con carácter permanente, para sacalas despois de novo ao mercado a través do rexistro de demandantes.

Por outra banda, O Goberno galego xa modificara normativa, a principios de 2025, para facilitar a conversión de locais en vivendas, pero a partir do ano que ven a Xunta adquirirá e adecuará baixos desocupados para convertelos en fogares con cualificación permanente. Esta nova medida se porá en marcha, cun programa piloto, na cidade de Ourense.

A Xunta tamén está impulsar aloxamentos compartidos protexidos para ofrecer novas solucións habitacionais adaptadas ás novas unidades familiares, pensando tamén na mocidade galega, e favorecer así a súa emancipación, e no 2026 regulará este tipo de inmobles de forma que se equilibren a autonomía individual e a vida compartida e que permitan relacións interxeneracionais.

Destacou que neste 2025 a Xunta puxo en marcha o programa Fogar Vivo para mobilizar vivenda baleira, dando ademais unha maior seguridade xurídica aos propietarios, liña que recibiu máis de 400 solicitudes e que debido á súa boa acollida, aumentará o seu orzamento no 2026 ata os 2,6 M€.

Colaboración cos Concellos

Allegue puxo o acento así mesmo no apoio aos concellos para que teñan o seu propio parque público municipal de vivendas, aproveitando parcelas urbanizadas aptas para construír vivenda sen necesidade de modificar o planeamento. Neste senso, detallou que as entidades locais poderán promover e desenvolver os seus Proxectos de interese autonómico, que poderán ser de iniciativa pública ou privada, co compromiso de que, alo menos, un 80% das vivendas resultantes sexan vivenda protexida.

Recordou que os municipios teñen á súa disposición un fondo de cooperación que lles permite financiar sen xuros a construción de nova vivenda protexida, urbanizar solo ou adquirilo para futuros desenvolvementos residenciais e que poden sumarse á nova plataforma de solos para sacar a concurso solos de titularidade municipal aptos para que promotores e cooperativas poidan construír vivenda protexida.

Rehabilitación de inmobles

No que atinxe ao parque residencial xa construído, a conselleira recalcou que o Goberno galego está a rehabilitar fogares, con actuacións directas tanto a través do programa Rexurbe ou axudando aos concellos á rehabilitación dos seus inmobles para destinalos a alugueiro accesible e con achegas a particulares para rehabilitación de edificios e vivendas.