viernes, 7 de noviembre de 2025

A Xunta licita por 1,5M€ as obras da nova senda no barrio de Reza, no concello de Ourense

A Xunta licita por 1,5M€ as obras da nova senda no barrio de Reza, no concello de Ourense. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, destacou hoxe na súa visita ao barrio ourensán que este novo itinerario peonil estenderase ao longo de 2,3 km na estrada OU-402 e transformará esta zona da cidade situada á beira do Miño. 

O itinerario peonil discorrerá desde o cruce coa rúa Portalón ata o aparcadoiro do quilómetro 3+290 e terá un ancho de entre 1,8 e 3 metros. Conectará os treitos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas, para que a veciñanza poida realizar os desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro. 

 

Allegue puxo en valor que o trazado da nova senda é froito dunha extensa tramitación con dous procesos de información pública e destacou o consenso acadado coa veciñanza e a incorporación das súas suxestións, plasmadas nas modificacións levadas a cabo en varias paradas de autobús, que agora van dispoñer tamén de marquesiñas, así como nos aparcamentos en liña dos que se dotará á zona. 

 

A conselleira enmarcou a actuación no compromiso da Xunta pola mobilidade sostible e segura en Ourense e no fomento dun modo de vida saudable

 

Tras a publicación hoxe da licitación na plataforma de contratación da Xunta, as empresas terán de prazo desde mañá e ata o 3 de decembro para presentar as súas propostas. A previsión é iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 12 meses, no 2026.

 

Con esta intervención completarase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, por 8 M€, traballos aos que hai que sumar o investimento mobilizado para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación Intermodal, a Ponte Vella e Expourense.


Allegue subliñou que estes itinerarios que está a desenvolver a Xunta no marco do Plan de Sendas “son proxectos que teñen o selo de Galicia Calidade e van transformar esta cidade e a calidade de vida da veciñanza. E ese é o principal obxectivo de todas as nosas actuacións”.

 

Destacou tamén o impulso ás actuacións de vivenda e infraestruturas nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, que reservan á cidade de Ourense 25,5M€. No eido da vivenda, a Consellería investirá 17,8Mpara seguir avanzando en construción, desenvolvemento de solo ou rehabilitación a través do programa Rexurbe, mentres que en infraestruturas, o investimento acada 6,6M€, que permitirán avanzar en actuacións como a Ronda Leste (1,5M€).

 

Mellora da OU-540 na Manchica

No marco do compromiso coas infraestruturas na provincia, a Xunta avanza no proxecto para mellorar da seguridade viaria na OU-540 na Manchica, que suporá un investimento de preto de 710.000€. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo do Consello da Xunta polo que se aproba definitivamente este proxecto e o trámite da información pública