miércoles, 19 de noviembre de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, insta a abrir o debate no Congreso sobre a transferencia da AP-9 á Xunta e pide ao PSOE que deixe o seu dobre discurso e defenda en Madrid os intereses de Galicia

 


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, insta a abrir o debate no Congreso sobre a transferencia da AP-9 á Xunta e pide ao PSOE que deixe o seu dobre discurso e defenda en Madrid os intereses de Galicia.

Allegue interveu hoxe no Parlamento, onde criticou o “boicot constante e permanente” do Goberno central aos acordos unánimes da Cámara galega para a transferencia da autoestrada. Neste senso, cualificou de “insulto” aos galegos que o PSOE adiase o debate do traspaso con 45 prórrogas nesta Lexislatura, 60 en total, así como a posterior presentación de emendas dos socialistas que “desvirtúan por completo a decisión desta Cámara” e supoñen unha oposición clara á transferencia.

 

Actuacións que, segundo a conselleira, amosan o dobre discurso do PSOE en Galicia e Madrid, polo que pediu aos socialistas galegos que clarifiquen se manteñen vixente o seu compromiso cunha AP-9 galega e co consenso acadado na Cámara autonómica. Así, urxiu que se constitúa canto antes a Ponencia no Congreso para que se debatan as emendas presentadas polo PSOE e “os galegos poidamos ter claro cal é a posición do Partido Socialista”.

 

Fronte a esta situación, apuntou que o Executivo galego seguirá a respectar o acordo do Parlamento de Galicia e a adoptar cantas medidas sexan necesarias “para acadar unha AP-9 libre e gratuíta e 100% galega”.

 

Por outra banda, Allegue volveu criticar que o Goberno central ningunea a Galicia co seu silencio ante o recente ditame da Comisión Europea que pon en tela de xuízo as prórrogas das concesións, tanto da autoestrada galega como da AP-66 de Huerna, Asturias e León, e tamén coa falta de resposta do ministro de Transportes ante as peticións de reunión da Xunta para abordar a xestión da autoestrada.

 

Incidiu en que a Xunta esixe, ademais da transferencia que reclama o Goberno galego desde hai de 16 anos, o rescate da autoestrada.

 

Aos “agravios” a Galicia na AP-9 unirase, segundo lembrou, o novo tarifazo das peaxes para a volta do Nadal. Recordou que esta autoestrada é das máis caras en España, cun incremento das tarifas do 20% en apenas catro anos.

 

“Galicia -indicou- non pode seguir pagando pola AP-9, mentres se liberalizan peaxes e se levantan barreiras noutros territorios”.

 

Lembrou a oportunidade que presenta o ditame da CE e sinalou que a Xunta fixo o cálculo do rescate, que hai un ano situou nos 2.331M€ e que actualizou neste 2025 a 2.356M€, cifra moi similar ao custe das bonificacións ata o fin da concesión, polo que recordou que canto máis tempo pase “máis gravoso será o rescate para as arcas do Estado, máis gravoso será para os usuarios e máis beneficioso para a concesionaria”.