O presidente Alfonso Rueda anunciou hoxe que o Consello da Xunta deu luz verde a un investimento de máis de 32 millóns de euros en infraestruturas viarias na provincia de Ourense, a través de cinco grandes actuacións, que se enmarcan no esforzo orzamentario que está a realizar o Goberno galego “para seguir apostando por dotar aos cidadáns das mellores comunicacións”.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, detallou as actuacións, que inclúen a nova Ronda Leste de Ourense, entre Bemposta e a N-525, ademais de intervencións que se desenvolverán nas estradas OU-540 e OU-533 e unha senda peonil na OU-402. “Isto amosa o noso compromiso con vertebrar Galicia, vertebrar esta provincia, dinamizar o rural e comunicar a Galicia interior con Portugal”, indicou.
Mellora OU-540 entre Celanova e Bande
O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación, por importe de 6 M€ das obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande. Este é o primeiro tramo da fase inicial da actuación proxectada nesta vía autonómica, que ten como obxectivo ampliar a capacidade e funcionalidade da OU-540, no tramo que rexistra unha maior intensidade de tráfico, de 2.630 vehículos ao día, e que se prevé desenvolver na seguinte fase ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
En concreto, esta nova intervención comprende o treito de algo máis de 14 km de lonxitude da OU-540 Celanova- Bande, entre Celanova e Bande.
A Xunta prevé licitar nas vindeiras semanas esta actuación, e en paralelo convocará os actos de levantamento de actas de ocupación das expropiacións, co obxectivo de iniciar as obras deste primeiro treito no primeiro semestre de 2026.
Neste caso, as obras neste primeiro treito da OU-540, que vai desde o punto quilométrico 25+470 e ata o 39+560. Incluirá a execución dun carril adicional na marxe dereita da estrada, ao seu paso por Verea, de case 2,5 km. Tamén se prevé un carril adicional na marxe esquerda da vía, ao paso polo termo municipal de Bande, de 1,1 km.
Ademais, o proxecto que se licitará recolle a mellora de interseccións, como é o caso dunha prevista en Bande norte, así como a execución de sendas peonís para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea.
Estas actuacións completaranse coa mellora do firme alí onde sexa necesario e coa limpeza e despexe das marxes para favorecer a visibilidade.
Acondicionamento OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo
O Consello da Xunta avaliou hoxe informe sobre a redacción do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, que suporá un investimento superior aos 15,2 millóns de euros.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia galega de infraestruturas, está a avanzar xa na supervisión do proxecto de trazado elaborado tras o estudo previo realizado nesta estrada, que identificou os treitos prioritarios de actuación.
A OU-533 ten unha lonxitude de algo máis de 50 quilómetros, comunicando a N-525 na Gudiña coa N-120 na Rúa. O citado estudo propoñía o acondicionamento da OU-533 ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos, mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda, segura e axeitada á velocidade establecida de 90 km/h.
En concreto, o treito obxecto dos traballos de redacción que avaliou hoxe o Goberno galego correspóndese co treito prioritario determinado no estudio previo, e que se corresponde co tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo. O obxectivo é actuar nesta zona, de 15 quilómetros de lonxitude, na que practicamente non se poden realizar adiantamentos.
Para acadar este obxectivo no proxecto, o departamento de Infraestruturas da Xunta proponse executar unha actuación integral de acondicionamento na OU-533, neste treito comprendido entre A Gudiña e Viana do Bolo, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, incrementar a capacidade e facilitar os adiantamentos nesta vía e de importancia estratéxica para o sur da provincia de Ourense. Así, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual, realizando a mellora de interseccións, e habilitando carrís adicionais de adiantamento.
Coas actuacións propostas auméntanse os tramos con terceiros carrís de adiantamento, pasando dunha lonxitude actual total de 760 metros en sentido crecente (sentido A Rúa) e 600 metros en sentido decrecente (sentido A Gudiña), a unha lonxitude futura de 2.600 metros en sentido crecente e 4.460 metros en sentido decrecente. Para elo constrúense novos carrís adicionais, que son os seguintes: en sentido Viana, do pq 0+380 ao pq 1+330 (950 m); e en sentido A Gudiña, do pq 2+730 ao pq 6+830 (4.460 m).
Ademais de nestes carrís adicionais, debido á mellora do trazado tamén aumenta a lonxitude con posibilidade de adiantamento.
O proxecto propón un treito de actuación de especial intensidade, cunha variante de trazado entre os puntos quilométricos 5+000 e 7+100, resultando unha nova plataforma duns 1.250 m de lonxitude, é dicir, reducirase a lonxitude en algo máis de 700 metros deste treito de estrada.
En canto á seguridade viaria, mellórase a seguridade de 8 interseccións nas que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera. Ademais, configúrase en 6 dos casos a intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade.
E, finalmente, previse a extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a plataforma da estrada (calzada + beiravías), renovando por completo o pavimento do tramo de proxecto.
A Xunta ten como obxectivo aprobar provisionalmente o proxecto de trazado a finais deste ano ou principios de 2026, para sometelo á información pública.
OU-540 A Manchica
O Consello da Xunta autorizou tamén hoxe o proxecto de acordo polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado da mellora da seguridade viaria na estrada OU-540 na Manchica, no concello da Merca, que suporá un investimento autonómico de case 800.000€.
O Goberno galego prevé seguir avanzando na tramitación deste proxecto coa realización do levantamento de actas previas a finais deste ano.
O proxecto hoxe aprobado comprende un conxunto de intervencións centradas na mellora das interseccións e a reordenación dos accesos da OU-540 na contorna da Manchica, no concello da Merca.
Entre as actuacións previstas, figura a creación dunha glorieta na confluencia da estrada con outros viarios provinciais (OU-0201 e OU-0202) para canalizar a circulación con maior seguridade e facilitar o acceso á autovía AG-31, así como a habilitación dun novo acceso ao principal ámbito de solo urbano núcleo da Manchica, conectando esta estrada co viario interior do chan urbano (rúa Val do Seixo).
Os traballos complétanse con reforzos de firmes noutros tramos, renovación de beirarrúas, actuacións de reposición da sinalización, alumeado e dos servizos afectados no treito de actuación.
Ademais, habilitaranse sendas peonís en ambas marxes noutro dos tramos de actuación para garantir a seguridade dos colectivos máis vulnerables.
Estas intervencións enmárcanse na aposta da Xunta por continuar mellorando esta estrada que vertebra a comarca da Baixa Limia e supón a vía de conexión entre esta provincia de Ourense e Portugal.
Ronda Leste
O Goberno galego avanzou hoxe a publicación mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) da aprobación definitiva do proxecto de trazado da Ronda Leste de Ourense, que une Bemposta coa estrada N-525, que contará cun investimento de 8,8M€ e discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. “Reducirá o tráfico no casco urbano e acurtará de xeito notable o tempo de viaxe entre Bemposta e a autovía das Rías Baixas”, salientou o presidente.
Trátase de avanzar nunha nova estrada de 1,5km que une a estrada OU-105 en Bemposta coa N-525 e completará a circunvalación polo sur da cidade conectando coa A-52. A publicación deste acordo do Goberno galego supón un paso importante que incorpora a actuación ao planeamento urbanístico, que permite iniciar o procedemento expropiatorio e que antecede á aprobación do proxecto de construción, último paso previo á licitación das obras no 2026.
A estrada parte da glorieta existente na confluencia da estrada OU-105 coa OU-510, no núcleo de Bemposta, e desde este punto discorrerá en sentido suroeste para terminar no enlace coa N-525, dende o que se accede á autovía A-52.
Deste xeito, completarase un viario de circunvalación perimetral da cidade de Ourense de acordo coa previsto no Plan Sectorial Viario de Ourense e a súa contorna. Os traballos terán un prazo de execución de 24 meses.
Esta actuación reducirá o tempo de viaxe, cun importante acurtamento na distancia de percorrido ata a autovía A-52, pasando de 7 minutos e 4,6 km que son necesarios a día de hoxe entre Bemposta e a N-525 a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km de lonxitude.
A intervención tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, cunha aposta pola calidade de vida dos veciños ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito de rúas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora.
O treito que se construirá entre Bemposta e a N-525 contará con dous carrís, un por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional.
Este trazado precisa de importantes estruturas ao longo do quilómetro e medio do seu percorrido, como un paso inferior no cruce onde pasa a liña de ADIF existente e actualmente en proceso de ampliación; un viaduto de 80 metros de lonxitude sobre o Río Barbaña; e un paso superior para dar acceso á EDAR San Cibrao.
Estas estruturas amosan a complexidade do trazado, polo que houbo que realizar adaptacións para buscar a mellor solución.
Por outra banda, respecto do trazado hai que sinalar tamén que o acceso á glorieta existente na N-525 dende ou cara á N-525/OU-525 se redefine mediante a execución de dous ramais: o ramal sur parte dende a estrada OU-525 mediante un carril de deceleración de 425 m, e o ramal norte, que parte da glorieta existente, baixando ata a N-525 e entroncando co carril adicional que permite a entrada a Expourense.
Cómpre sinalar que trala a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, acordouse modificar a zona do enlace da Rolda leste coa N-525/OU-525 tendo en conta o Plan Parcial SUR-T1 do concello de San Cibrao das Viñas, así como o establecido no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense.
Senda Reza
Por outra banda, o Consello da Xunta acordou hoxe a aprobación da licitación por un importe de 1.512.564 euros das obras da nova senda na estrada autonómica OU-402 en Reza, no concello de Ourense. Trátase de executar o proxecto reformulado para habilitar unha senda peonil continua de case 2,7 km pola marxe dereita desta vía autonómica, amosando o mesmo a vontade de diálogo permanente da Xunta para acadar unha solución satisfactoria e que minora no posible as afeccións.
Así, baixo este contrato, executarase na OU-402 un itinerario entre os puntos quilométricos 1+060 e 3+290, que permita conectar os treitos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas, para que os veciños poidan realizar os desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar as obras na primeira quincena de novembro, para poder iniciar a súa execución na primavera do 2026 . A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.
Esta nova senda estenderase desde a intersección coa rúa Portalón ata o aparcadoiro situado no quilómetro 3+290 da estrada. Pola marxe esquerda realizaranse, ademais, pequenas actuacións puntuais relacionadas coa nova posición dos pasos de peóns ou das paradas de autobús acordadas.
O itinerario peonil adaptarase ao trazado da vía, tanto en planta como no alzado, mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón desactivado e con bordo elevado sobre a vía.
Atendendo ás consideracións feitas previamente polos veciños e para minimizar afeccións aos peches, a senda oscilará entre os 1,8 e os 3 metros de ancho, en función das edificacións lindeiras. Tamén nun pequeno treito (entre o punto quilométrico 2+050 e o 2+200) modificarase lixeiramente o trazado da estrada, movendo 1 metro o eixe para evitar afectar aos peches.
A intervención levarase a cabo de xeito coordinado coa dotación de bandas de aparcadoiro en liña na marxe dereita que eviten que os vehículos paren invadindo o recorrido peonil.
Cumprindo coas demandas veciñais no momento da redacción deste novo proxecto, reubicaranse varias paradas de autobús tamén na marxe contraria á senda, para que a subida e a baixada de viaxeiros se faga sen interrupcións. Ademais, disporanse 6 novas marquesiñas.
A intervención que se licitará atende tamén ás alegacións recibidas para reducir a afección a varias fincas mediante a substitución dun terraplén por un muro entre os puntos quilométricos 1+075 e 1+150, e axústase o ancho da senda entre os quilómetros 1+380 e 1+445.
A obra completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
Con esta intervención complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 M€ de investimento, traballos aos que hai que sumar o investimento mobilizado para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da avenida das Caldas e do Barbaña.
O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sustentable.

