O Goberno galego continúa a reforzar a súa aposta pola vivenda pública e pola recuperación do patrimonio urbano e rural da provincia de Ourense. En total, a Xunta ten proxectadas 1.727 vivendas, a través de diferentes programas de construción, rehabilitación e mobilización de solo.
O Consello da Xunta deu conta hoxe do informe sobre as principais actuacións en marcha neste momento para impulsar novas vivendas de promoción pública, reafirmando o seu compromiso nesta materia coa cidade e a provincia.
Actualmente, a Xunta ten en marcha a execución de 64 vivendas protexidas na praza de Cambedo de Raia, cun investimento de 13,17 millóns de euros. As obras comezaron no mes de marzo e o obxectivo é telas rematadas cara ao final de 2026.
O Goberno galego traballa en paralelo no desenvolvemento do Proxecto de interese autonómico (PIA) do sector SU1 Escorial-Vinteún, con 16,4 hectáreas e capacidade para desenvolver solo para construír 1.640 vivendas. A redacción deste PIA supuxo un investimento de case 320.000 euros e está actualmente en tramitación ambiental.
Así mesmo, no Concello de San Cibrao das Viñas asinouse o pasado 12 de setembro a acta de cesión de solo urbano consolidado para a execución de 12 vivendas en bloque. Ese mesmo día, a Xunta licitou o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra por máis de 95.000 euros. O investimento autonómico total estimado na construción destas novos fogares estímase que acadará os 2,3 M€.
Programa Rexurbe
Ademais da construción de vivenda pública, outro dos eixes das políticas de vivenda da Xunta está na rehabilitación. Na provincia de Ourense, neste momento baixo este programa ten adxudicadas as obras para rehabilitar 11 vivendas en alugamento accesible en tres inmobles cun investimento total próximo aos 3,8 M€. Cabe recordar que a cidade de Ourense conta cunha área Rexurbe declarada polo Consello da Xunta o 3 de marzo deste ano. A Xunta investirá 2 M€ nas actuacións de rehabilitación, que inclúen 5 vivendas na rúa Manuel Sueiro 3 (esquina Liberdade 30), e 1 vivenda na rúa Pelaio 9. Así mesmo, rehabilitaranse 5 vivendas na praza Doutor García Boente de Ribadavia, cuxas obras tamén foron licitadas por 1,8 M€ e foron iniciadas a semana pasado, o xoves día 16 de outubro.
Áreas de rehabilitación integral (ARI)
A cidade de Ourense conta con catro áreas de rehabilitación declaradas ao longo dos anos: o conxunto histórico (1998); Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada (2015); Seixalbo (2003), e Polvorín-Camelias-Carballeira (2009). A Xunta ten convenios en execución nestes ARI para continuar mellorando a calidade urbana e residencial destes ámbitos, por un investimento total de algo 2,4 M€.
Axudas ás vivendas de titularidade municipal
Ourense destaca como unha das provincias máis activas nesta liña de axudas desde o seu inicio. As axudas concedidas supoñen o 40 % do total de Galicia (267) e o 96,9 % do investimento autonómico global, cun importe total de 10,39 millóns de euros. No ano 2025 concedéronse axudas para 21 vivendas en 15 concellos da provincia, por máis de 1 millón de euros.
Fondo de cooperación para rehabilitación
Desde 2021, a Xunta leva concedidas 21 axudas a concellos da provincia por un valor de 2,93 M€, destinadas á rehabilitación do patrimonio construído. En 2025 beneficiáronse os concellos de Muíños, Baños de Molgas e Cortegada.
Axudas polos lumes de 2025
No informe avaliado hoxe no Consello da Xunta, faise mención específica tamén ao compromiso do Goberno galego para axilizar coa máxima celeridade a tramitación das axudas ás vivendas afectadas polos lumes deste ano, co fin de que as persoas afectadas poidan comezar canto antes a recuperación dos fogares.
Ata o de agora, presentáronse 137 solicitudes, das que 129 corresponden á provincia de Ourense e concedéronse 42 axudas, 37 na provincia ourensá, cun investimento de 2,9M€ en total, (2,7M€ na provincia de Ourense).
Compromiso coa vivenda pública e co rural
O Goberno galego reafirma o seu compromiso coa vivenda pública, a rehabilitación e a revitalización do rural, facilitando o acceso a un fogar digno e accesible e contribuíndo á fixación de poboación nos concellos máis pequenos. O Executivo autonómico subliña que a través destas actuacións se reflicte a clara vontade de reforzar a cohesión territorial e social, protexer o patrimonio e mellorar a calidade de vida en toda a provincia.
