O Goberno galego
rexeita a medida da asunción de parte da débeda autonómica polo Estado
recollida no Anteproxecto de Lei Orgánica de medidas excepcionais de
sostibilidade financeira para as CC.AA. de réxime común.
É a conclusión á
que se chega nun informe sobre as alegacións da Comunidade galega ante o
trámite de audiencia do devandito anteproxecto presentado hoxe no Consello da
Xunta, no que se argumenta que os criterios utilizados polo Goberno central
para defender a mal chamada condonación non son válidos, xa que non mellora a
solvencia nin a capacidade de gasto das Comunidades Autónomas.
Unha vez analizado
o texto do Anteproxecto aprobado o pasado 2 de setembro polo Consejo de
Ministros, o Goberno galego denuncia, unha vez máis, que esta decisión se tomara
sen contar coa participación das Comunidades autónomas, levando ao Consejo de
Política Fiscal y Financiera unha proposta decidida de antemán.
Segundo recorda o
texto, a proposta altera de forma arbitraria e discrecional a situación
financeira das comunidades, sen resolver o problema estrutural de financiamento
que presentan desde hai anos. De feito, o método de cálculo de minoración da
débeda empregado no Anteproxecto aplica tramos e criterios arbitrarios en lugar
de aplicar criterios técnicos, como o de habitante axustado.
A asunción de parte
da débeda non se podería traducir nun incremento efectivo da capacidade de
gasto das comunidades, xa que o anteproxecto recolle o principio de
neutralidade a efectos do cumprimento dos obxectivos de estabilidade, débeda
pública e regra de gasto. É dicir, estes recursos non se poderán aplicar a
novas políticas públicas, investimentos ou mellora dos servizos esenciais.
Ademais, podería
ter un impacto negativo no custo de financiamento do Tesouro e, por tanto, das
comunidades que se financian nos mercados de capitais. Non garante que as
CC.AA. beneficiadas poidan volver aos mercados, pon en risco a valoración
crediticia do Estado español e contradí as boas praxes incentivando o
incumprimento das regras fiscais e a xestión irresponsable dos recursos
públicos.
No caso de Galicia,
o conxunto da cidadanía pasaría a asumir débeda xerada en maior parte por
outras comunidades, tendo en conta que a Comunidade galega é unha das que ten
menor nivel de endebedamento. Tería que asumir uns 600 millóns de euros de
débeda cos seus correspondentes intereses.
O texto reitera a
necesidade de que se aborde o verdadeiro problema para a sustentabilidade
financeira das CC.AA. que é a reforma do sistema de financiamento autonómico.
Reforma do SAF
O informe conclúe
que a medida da asunción de parte da débeda autonómica por parte do Estado non
vai servir para acadar o obxectivo para o que o anteproxecto foi creado, que é
reforzar a sostibilidade financeira das comunidades autónomas.
O Goberno galego
reitera que o prioritario para Galicia é negociar un modelo autonómico de
financiamento (SAF) que teña en conta aquelas variables que determinan que o
custe de prestar os servizos na Comunidade galega é superior que noutros
territorios.