jueves, 16 de octubre de 2025

En el Fórum Europa escuchando a Alfonso Rueda Valenzuela, Presidente de la Xunta de Galicia onde afirma que e o PIB previsto para 2025 elévase ata o 2,5% e que a taxa do paro baixa ata o 8,3%

 


Asisto esta mañá en Madrid ao almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum no que titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta porá en marcha un proxecto piloto para adquirir e rehabilitar baixos comerciais en desuso para transformalos en vivenda pública. Unha medida que vai na liña de incrementar a oferta residencial para axudar a solucionar un problema que é común a toda España e prioritario para o Goberno de Galicia: “Non podemos resignarnos a que a vivenda sexa un artigo de luxo. Non podemos mirar cara a outro lado. E teorizar non é unha solución, así que nós imos dar un paso adiante”, destacou o presidente.

Tamén anunciou que se van ampliar as rebaixas fiscais para compra de vivenda de segunda man. Increméntase ata os 240.000 euros —40.000 máis que ata agora— o tope de patrimonio para beneficiarse do tipo reducido do Imposto de Transmisións Patrimoniais (do 8 ao 3% e ao 0% nas zonas pouco poboadas). Tamén se incorporan entre os potenciais beneficiarios desta medida as familias monoparentais, ao carón das persoas menores de 36 anos, das familias numerosas e das mulleres vítimas de violencia de xénero.

O límite de 240.000 euros incrementarase en 30.000 euros por cada membro da unidade familiar a partir do primeiro, é dicir: para unha parella ou unha nai solteira cun fillo será de 270.000 euros, para unha parella cun fillo de 300.000 euros e así sucesivamente.

O presidente Rueda realizou estes tres anuncios esta mañá, no marco do almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum. O presidente comezou a súa intervención salientando o bo momento do turismo galego e animando a todos os presentes a visitar a comunidade, especialmente no próximo ano Xacobeo 2027: “Todo aquel que veña a vernos apreciando e respectando o que somos será benvido”, salientou o presidente. Neste sentido, lembrou a nova campaña de promoción turística presentada fai dúas semanas en Madrid, ¿Y si la calidad fuese un lugar?.

Estabilidade económica

Ademais, o presidente da Xunta salientou os bos datos económicos da comunidade, que se ven favorecidos pola estabilidade da que goza a comunidade. Nesta liña, animou a investir en Galicia: “Esta estabilidade é una bandeira que levantamos cara aos que queren arriscar en Galicia e para Galicia. Queremos facer de Galicia o mellor lugar para visitar, para vivir e tamén para investir”, destacou.

En relación con isto, Rueda apuntou algúns indicadores cos que finalizou Galicia o ano 2024, como o crecemento do PIB do 2,8%, case dous puntos por riba da media da Unión Europea, e a menor taxa do paro desde 2008, cun 9,19%, dous puntos y medio por debaixo da media estatal. Uns indicadores que, como salientou o presidente, ten previsto mellorar no 2025, cun crecemento do 2,5 % do PIB, catro décimas máis da recollida inicialmente, e cunha baixada da taxa do paro ata o 8,3%.

O presidente tamén quixo destacar que a Xunta contribúe a esta estabilidade económica aprobando, un ano máis, en tempo e forma os orzamentos para o ano 2026, como ocorreu nos últimos 17 anos. O Consello da Xunta aprobará mañá o Proxecto de lei de Orzamentos, que Rueda salienta como “algo fundamental, xa que nos volverá permitir blindar o gastos en sanidade, educación, vivenda e no ámbito social”. Nesta liña, lamentou que se tente normalizar non aprobar esta lei cada ano, como é o caso do Goberno central: “Esta tolemia que se instalou por parte de quen non son capaces de aprobar os seus orzamentos, de tentar convencernos de que non pasa nada por non telos, mesmo de que é mellor non telos, é un auténtico disparate”, apuntou o presidente.

Reivindicacións

Rueda tamén apuntou na súa comparecencia algúns “riscos e ameazas” que pode haber para Galicia, reivindicando ao Goberno central melloras en varios sectores. En primeiro lugar, no ámbito das comunicacións, no que o presidente reclamou un maior esforzo de coordinación, especialización e incentivos para os aeroportos galegos, unha aposta real polo Corredor Atlántico en materia ferroviaria, e o rescate da concesión da AP-9 tralo veredito da Comisión Europea. Tamén puxo o foco no sector industrial e criticou que o Goberno prive arbitrariamente de conexión eléctrica a proxectos industriais cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable.

Rueda referiuse tamén ao financiamento autonómico, insistindo no rexeitamento de Galicia á mutualización da débeda das comunidades (a mal chamada “condonación”) e reiterou a reclamación dunha reforma do sistema de financiamento a longo prazo. Tamén pediu, na liña do expresado hai uns meses no Comité das Rexións, que non se recentralice a xestión dos fondos europeos para non dificultar a súa chegada aos potenciais beneficiarios.

Pilar do sentido común

O presidente da Xunta finalizou a súa intervención manifestando o seu desexo de que o trato entre Administracións sexa buscando os puntos de encontro, e non a confrontación, e que Galicia siga sendo un dos “piares do sentido común” en España: “Queremos atraer visitantes e queremos atraer investidores, e queremos exportar sentidiño. Iso, como lles dicía, tamén é Galicia Calidade”, rematou o presidente.