jueves, 2 de octubre de 2025

Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana acepta a proposta da Xunta de creación dun grupo de traballo coas comunidades autónomas para que se reúna a semana que ven, na procura dun plan de consenso, cuestión que foi aceptada


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, insistiu hoxe trala súa participación na Conferencia Sectorial de 
Vivienda en Madrid na que se abordou o Plan Estatal de Vivienda en que “o que pedimos as comunidades autónomas son propostas sensatas que a ministra debe atender”. 

Na Sectorial, o Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana  aceptou a proposta da Xunta da creación dun grupo de traballo coas comunidades autónomas para que se reúna a semana que ven, na procura dun plan de consenso, cuestión que foi aceptada. Ademais, a ministra comprometeuse a responder ás alegacións ao plan estatal formuladas xa hai meses pola Administración autonómica.  

 

Na súa intervención, M. Allegue insistiu na crítica á falta de participación das comunidades ata agora neste plan, que terán que aplicar que “vai xa cun retraso inxustificable que pon en perigo a convocatoria das axudas vinculadas ao mesmo, o que supón un ano perdido para a posta en marcha dos programas”.

 

Ademais de reclamar maior flexibilidade do plan, fronte á imposición de condicións, prazos e requisitos de contratación, a  conselleira solicitou que o novo documento inclúa liñas de axudas para incentivar a construción de vivenda protexida por parte de promotores -para alugueiro e tamén para venda- e para financiar a adquisición e urbanización de solo residencial, destinado á construción de vivenda protexida, porque “sen solo, non hai vivenda”.

 

Así mesmo, Allegue insistiu na necesidade de recuperar actuacións financiadas con   cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, incluíndo expresamente a posibilidade de dar continuidade a actuacións en execución que conten con axudas concedidas ao amparo destes fondos europeos. Reclamou tamén unha solución para as obras que non poidan finalizarse a tempo con recursos do plan de vivenda, e que se garanta que se non se rematan en prazo, no se terá que devolver as axudas. 

 

Neste sentido, a conselleira esixiu unha solución para os socios cooperativistas de Galivivienda en Xuxán, Coruña. Lembrou á ministra que a xestora “segue pendente da financiación ICO e, por suposto,  segue pendente de que o Estado garanta  os fondos europeos que esta cooperativa ten concedidos”


Por outra banda, respecto da nova convocatoria do Bono Mocidade, a conselleira solicita ao Ministerio que, dado que no novo plan se contempla un programa similar para mozos, non se solapen convocatorias e se posibilite que os fondos do bono 2025 se dediquen á xestión do programa do novo plan de axuda ao alugueiro para a emancipación de persoas mozas.

 

Por último, Allegue subliñou que a Xunta está disposta a cofinanciar o plan, pero “debe ser un plan realista e consensuado que dea respostas ao problema de acceso á vivenda”. Neste sentido, destacou que a declaración de zonas de mercado residencial tensionado non é a solución, tal e como se está vindo por exemplo en Cataluña, e “o Goberno non pode utilizar esta ferramenta coma medida de presión”.