miércoles, 24 de septiembre de 2025

O Parlamento pide ao Goberno central que convoque con urxencia o Comité de Coordinación para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia



Hoxe o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que convoque urxentemente o Comité de Coordinación Aeroportuaria para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia e buscar solucións ao prexuízo que esta situación causará aos galegos. 

Así mesmo, pídese que elabore un plan estratéxico dos aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, que asegure a súa operatividade, a súa viabilidade económica e unha oferta de servizos axeitada ás necesidades de mobilidade dos usuarios; ao tempo que revise as taxas aeroportuarias aplicadas por AENA co fin de favorecer a competitividade dos aeroportos galegos.

A través desta proposición non de lei manifestouse o apoio aos traballadores e traballadoras obxecto do ERE anunciado por Ryanair para o persoal do aeroporto de Santiago de Compostela, por considerar o devandito ERE como totalmente inxustificado, demandando que se realicen as xestións que sexan necesarias ante a compañía aérea para a súa retirada.

O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lembrou que a Administración Xeral do Estado ten a titularidade e as competencias sobre os aeroportos de España, “e quen ten toda a información, todos os recursos humanos, todos os recursos económicos” sobre estas infraestruturas.

PRIMAR O INTERESE PÚBLICO

Por este motivo, afirmou que “AENA e Ryanair terán que solucionar canto antes un conflito económico, no que os prexudicados son todos os galegos”. “Como empresa pública, AENA ten que primar o interese público por enriba do beneficio empresarial, contribuíndo ao equilibrio territorial e potenciando os pequenos e medianos aeroportos”, manifestou.

“Queremos unha Galicia aberta ao mundo e máis universal, polo que non caben discursos irresponsables que levan á confusión”, sinalou o portavoz popular, quen dirixíndose aos deputados do BNG apuntou que “falar de turismo depredador, de masificación ou de saturación e despois enfadarse porque desaparecen conexións aéreas non é coherente nin responsable”.

UNHA GALICIA MÁIS ABERTA AO MUNDO

Neste sentido, cuestionou aos nacionalistas galegos se “queren vostedes máis conexións aéreas e que veña máis xente a Galicia, porque se é que si pidan desculpas polo dito ata agora sobre masificación e saturación; pero se é que non, aplaudan a perda de conexións aéreas e o peche do billa a un exceso de visitantes”.

“A resposta do PPdeG é clara: si a unha Galicia máis aberta ao mundo, máis universal e máis conexións aéreas, porque a perda de conexións aéreas de Ryanair é unha malísima noticia para Galicia e hai que traballar para recuperar esas conexións e conseguir abrir máis”, sinalou Borja Verea.

Para rematar, asegurou que “necesitamos tres aeroportos en Galicia que funcionen, para o que é imprescindible unha planificación eficiente de rutas, mellorando a súa viabilidade e competitividade e, en definitiva, sendo máis útiles e mellores”