sábado, 6 de septiembre de 2025

A Xunta urxe unha reunión ao ministro de Transportes para abordar a situación aeroportuaria en Galicia tras a decisión de Ryanair de reducir rutas e prazas


O pasado xoves o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, enviou ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, unha carta para urxirlle unha reunión na que se aborde a situación actual no transporte aeroportuario tras o anuncio da aeroliña Ryanair de reducir rutas e prazas nos aeroportos españois o que, como se sinala na misiva, sitúa a Galicia como a comunidade máis prexudicada por esta decisión. Ao mesmo tempo, a Dirección Xeral de Mobilidade solicitará a convocatoria urxente do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, que convoca e preside o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Diego Calvo cualifica como “alarmante” a retirada da base da compañía no aeroporto de Santiago de Compostela e a redución de voos a esta terminal, así como a fin da actividade na de Vigo. Nesta liña, explicou que en Galicia esta situación vese ademais agravada porque outras compañías, como Iberia, reduciran xa as súas frecuencias, sen que se recuperasen as previas á pandemia da covid, chegando incluso a operar con aeronaves que minoran o número de prazas. A isto engádense tamén as subas dos prezos dos billetes e lembrou que Galicia segue sufrindo continuas incidencias ferroviarias.


Por tanto, o conselleiro considera que o Goberno central e Aena non poden permanecer impasibles e derivando as súas competencias aos concellos e ás comunidades, mentres seguen acontecendo estas cuestións.  Por iso, insiste en que, sen mais dilacións, deben poñer sobre a mesa medidas e garantir a conectividade e a competitividade dos aeroportos galegos.


Na carta ao ministro, o conselleiro, ao igual que xa explicou onte, lembra que Aena está participada na súa maior parte polo Estado e, por tanto, é asimilable a un ente público. Tendo en conta que tanto o Estado como Aena teñen un papel fundamental no equilibrio territorial de España, isto implica que deben potenciar os pequenos e medianos aeroportos como os galegos. “A función da empresa non pode ser só maximizar beneficios”, indica Diego Calvo na carta enviada ao ministro, xa que as competencias sobre os aeroportos de interese xeral corresponden en exclusiva ao Estado.


Segundo o conselleiro, a decisión de Ryanair terá repercusións negativas na mobilidade na comunidade galega e tamén no turismo. Nesta liña, a Xunta realiza este ano un importante investimento de 13 millóns para levar a cabo unha promoción turística en orixe coa finalidade de dar visibilidade Galicia e atraer visitantes á comunidade. 


De feito, Galicia rexistrou o ano pasado récord de visitantes e o Goberno galego confía en manter esa tendencia ascendente de turismo sostible pero aclara que o medio de transporte escollido para viaxar é unha opción persoal e, no caso do aeroportuario ou do ferroviario, son competencia exclusiva do Estado. Por iso, a Administración autonómica, por outra banda, lembra ao alcalde de Vigo que non existen subvencións por parte da Xunta a ningún voo de ningunha aeroliña.