Onte o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o teito de gasto de 14.177 millóns de euros para os orzamentos xerais da Xunta para o ano 2026, “os máis altos da súa historia e que servirán para consolidar e para continuar ampliando o mellor e máis amplo estado do benestar que os galegos nunca teñen desfrutado”, asegurou o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
“Namentres España permanece na maior das incertezas políticas, Galicia está a crecer de maneira sólida e sustentable, froito da planificación rigorosa dun goberno que durante tres lustros antepuxo os intereses dos galegos ao interese particular ou partidista”, manifestou Pazos. Neste sentido, lembrou que “cando o cómodo era endebedarse sen límite, Galicia apostou por un aumento moderado da débeda; e mentres outros apostaban por un asfixiante aumento da presión fiscal, Galicia baixaba impostos para aliviar as familias e favorecer o emprendemento”.
Galicia pon un ano máis a estabilidade ao servizo da cidadanía galega
A planificación das políticas en materia financeira ten permitido que desde o ano 2020 se incrementen case un 40 % os recursos ordinarios da comunidade autónoma, para blindar servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia e seguir xerando riqueza en Galicia co apoio ao tecido produtivo da comunidade.
“Aprobamos un límite de gasto que supera por primeira vez os 14.000 M€. Esgota a nosa capacidade máxima de gasto legal, cun maior peso dos recursos ordinarios. Sen déficit por terceiro ano consecutivo e con menos endebedamento”, expuxo hai uns días o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa presentación no Parlamento.
Corgos precisou que isto é así porque os recursos propios autonómicos medran en 485 millóns, co cal acadarán os 12.276 M€ no ano 2026. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dunha cantidade compatible coa regra de gasto, que crecerá no vindeiro ano un 3,5 %, segundo cálculos da Comunidade autónoma galega.
Neste mesmo sentido, reiterou que, do case 7 % que se incrementan as achegas do sistema de financiamento autonómico, en Galicia só se poderá dedicar a gasto produtivo e a reforzar servizos públicos aproximadamente a metade, o 3,5 %, pola aplicación da regra de gasto. Unha regra de gasto que, insistiu, non está adaptada ás normas europeas, xa que se definen de forma diferente, e non se ten consensuada coas CC.AA.
Ademais, á suba xa citada de 485 M€ dos recursos autonómicos, sumado ó incremento dos 76 millóns de fondos finalistas doutras administracións, supón que o límite de gasto ordinario para 2026 aumente en 561 millóns.
Por último, grazas ao avance na execución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e que xa tan só queden remanentes de carácter plurianual, para o vindeiro ano terán unha lóxica baixada, de 338 M€, por ser en 2026, en concreto ata agosto, o último ano que se poden executar.
“Con todo isto, en total, o límite de gasto para 2026 supera os 14.000 M€, chegando en concreto ata os 14.177 M€, 223 M€ máis que este ano”, insistiu, destacando que, en 2026, non só non se incrementará o endebedamento neto por terceiro ano consecutivo, senón que se reducirá.
Na presentación do teito de gasto para o vindeiro ano, o conselleiro de Facenda e Administración Pública criticou que o Goberno central siga sen facilitar outros datos necesarios, como o Informe de posición cíclica do Reino de España ou a senda de déficit, e que nin sequera cumprise a obriga legal de convocar o CPFF para achegar esta información.
Mellora do cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualizou tamén con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, mellorando tanto a estimación de crecemento do PIB, como a taxa de paro para 2026.
Así, en canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé unha mellora do PIB dunha décima, ao pasar do 2,3 % fixado nos orzamentos de 2025, ao 2,4 %. “Unha mellora motivada por unha mellor evolución do investimento”, subliñou Corgos.
Respecto á taxa de paro, o conselleiro lembrou que a Xunta xa conseguiu estabilizala por debaixo do 10 % desde hai dous anos, coa previsión para 2025 de que a media do ano baixe ata o 8,3 %.
“E para 2026, queremos ser tamén moi prudentes e prevemos un avance do PIB do 1,9 %, en liña co crecemento previsto polos principais organismos internacionais para o conxunto de España. Desta forma, encadearemos seis anos de crecemento sostible”, avanzou, resaltando que a taxa media de desemprego tamén seguirá a baixar, ata o 7,8 %, rozando mínimos históricos.
Estabilidade e responsabilidade
Corgos incidiu en que a estabilidade e a responsabilidade axudan a que Galicia manteña un crecemento sostido, nunha mellor evolución media que España na postpandemia, cun diferencial de 2,1 puntos de maior crecemento agardado para 2026 (13,8 fronte a 11,7).
Así mesmo, subliñou que a Comunidade está, ademais, en condicións de medrar este ano máis do dobre que a Zona Euro (2,4 % fronte a 0,9 %) e medio punto máis en 2026 (1,9 % fronte a 1,4 %). E tamén entre as autonomías con menor ratio débeda/PIB, coa previsión de situala no ano en curso por debaixo do 14 % e reducila no seguinte, na contorna do 13 %.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu subliñando que o límite de gasto aprobado hoxe no pleno do Parlamento axústase aos obxectivos do marco europeo, como garantir un crecemento sostible e inclusivo, mediante o saneamento gradual das facendas públicas, pero impulsando reformas e investimentos que avancen cara á transición ecolóxica, dixital e a cohesión social, nun contexto de déficits controlados.
“Con este instrumento reafirmamos o noso compromiso coa sustentabilidade das finanzas públicas, á vez que prevemos seguir consolidando un crecemento sostido e a creación de emprego”, incidiu, a modo de resumo.
O teito de gasto permitirá seguir mellorando os servizos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia, ademais de continuar apoiando as empresas e xerando riqueza.