A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe luns.
En
Ourense segue decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior
axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de
administracións para a provincia. Os incedios activos son estos:
Activo Avión-Nieva
Desde as 17.09 horas de onte está activo un lume no
concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie
estimada de 70 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de
xeito acumulado, 1 técnico, 6 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 5
helicópteros e 5 avións.
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio
Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume
do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que
segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.400 hectáreas e
que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse,
de xeito acumulado, 9 técnicos, 42 axentes, 73 brigadas, 32 motobombas, 4 pas,
13 helicópteros e 11 avións.
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa
(Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Continúa activo o lume de Chandrexa de Queixa
(Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos), malia que evoluciona
favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo. Estes
incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o
martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de
Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. Segundo as
últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de
19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo,
A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito
acumulado, 23 técnicos, 168 axentes, 227 brigadas, 119 motobombas, 19 pas, 17
unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume
mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
