Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou no acto de inicio das obras do novo edificio da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, un proxecto que enmarcou na aposta estratéxica do Goberno galego por facer do sector aeroespacial, da seguridade e da defensa un motor de crecemento, emprego e modernización.
Durante a súa intervención, o xefe do Executivo autonómico salientou que a nova infraestrutura “é necesaria” para axudar a consolidar o recente recoñecemento ao Campus de Ourense e a “darlle futuro á presencia da universidade” na cidade. En cifras, a Xunta financia o 60% do custo total cunha achega de 6,3 millóns de euros e o edificio contará con máis de 6.500m2 dedicados a aulas, laboratorios punteiros e incubadoras de proxectos.
Así, este proxecto reforza a especialización e identidade científica do Campus da Auga, recentemente acreditado como campus especializado pola Xunta, cun financiamento por parte da Administración que supera os 12 millóns de euros desde 2013, e cun enfoque centrado na alimentación, na agricultura, no medio ambiente e no termalismo.
Neste sentido, a nova Escola, única deste tipo no territorio, converterá ao Campus nun referente nacional e europeo en formación especializada neste eido, “atraendo talento de fora” con titulacións pioneiras en Galicia como o Grao en Enxeñería Aeroespacial ou os másteres en Enxeñería Aeronáutica e en Sistemas Aéreos non Tripulados. Rueda tamén tivo palabras para os estudantes, afirmando que “as persoas que estuden aquí teñen un gran futuro por diante”.
Nesta liña, o presidente subliñou que esta actuación xera “enormes oportunidades” de cara á Iniciativa Estratéxica da Xunta en Aeroespazo, Seguridade e Defensa, que prevé mobilizar máis de 900 millóns de euros ata 2030, dos cales 183 millóns procederán directamente da Administración autonómica, e que se ve acompañado por un “xiro dos fondos europeos” cara actividades deste tipo.
Rueda tamén celebrou a colaboración coa Universidade e o esforzo institucional, académico e empresarial implicado neste proxecto e sector, no que existen empresas galegas “moi potentes” no mundo.