O PPdeG conmemorou o 28º aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco a mans da banda terrorista ETA recordando a súa loita “por manter unha España máis democrática, unida, plural e libre” e facendo un chamamento á sociedade para que non se esquezan “xamais” nin o seu legado nin o seu “exemplo moral e de coraxe democrático”.
Así o puxo de manifesto esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na homenaxe que os populares galegos fixeron ao político vasco “con profundas raíces galegas” no cemiterio de Faramontaos (A Merca), onde repousan os seus restos. Un acto no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, o alcalde Manuel Garrido, o exalcalde Manuel Velo e Miguel Ángel López, primo político do homenaxeado, entre outros.
“Non entendemos como hai partidos galegos, como o BNG, aliados con herdeiros de ETA e mesmo asesorados por eles”, asegurou ao tempo que reiteraba o seu rexeitamento a “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”.
Nesta liña subliñou que o Partido Popular ten “a conciencia tranquila” porque está “onde ten que estar”. Algo que volveu deixar claro hai uns días o presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, ao afirmar que os únicos “cordóns sanitarios” que terá o seu Goberno serán con Bildu e que “nin vai sentarse con ningún representante dese partido nin lles vai abrir o Palacio da Moncloa”.
“Tampouco deberían facelo o PSOE e o BNG”, engadiu Paula Prado argumentando que “non hai nada que falar ata que non pidan perdón a todas as vítimas de ETA e non axuden a esclarecer todos os crimes que custaron a vida a tantas persoas”.
Trátase dunha cuestión que se lle debe, apuntou, a todas as vítimas e en especial a todos os compañeiros de partido que, como Miguel Ángel Blanco, se xogaron a vida pola liberdade. Todos eles merecen, na súa opinión, ser “reparados das humillacións e do esquecemento aos que algúns pretenden condenalas”.
“O prezo que pagaron Miguel Ángel Blanco e todas as vítimas de ETA por defender unha España libre e unida é o mellor recordatorio do valor que ten non renunciar a esta idea e seguir defendéndoa”, concluíu.
LUIS MENOR: "BENEFICIAR A BILDU É MOI DISTINTO A XESTIONAR”
Pola súa banda, o líder do PP de Ourense, Luis Menor, comprometeuse como presidente provincial a “dignificar” o espazo onde se atopa Miguel Ángel Blanco e que “ninguén se esqueza desta traxedia”, citando A Merca como "o símbolo máis representativo da democracia e de todas as liberdades" desde hai 28 anos.
Menor destacou que o concelleiro de Ermua "morreu pola barbarie daqueles que só sabían falar coas pistolas e non coa palabra" e esixiu "dignidade" a aqueles que "pactan cos herdeiros de ETA sen que, en ningún momento, ninguén neste país escoitara pronunciar a palabra perdón".
"Estamos fartos de ver como partidos como Bildu son beneficiados por Pedro Sánchez para seguir ocupando a Moncloa, algo que é moi distinto a xestionar", dixo Menor, e tanto el como Paula Prado tiveron un recordo para Aurelio Garrido, tío materno de Miguel Ángel Blanco, falecido hai apenas un mes. "Desde o PP, temos disposición para darnos sempre cita aquí, para manter vivo o recordo de Miguel Ángel e o que significa na nosa provincia e na nosa Democracia a súa figura", engadiu Menor.
Por último, o alcalde da Merca, Manuel Garrido, lembrouno como un “veciño significado” que “só quería ser libre”, e tamén se comprometeu a seguir homenaxeándoo cada ano: “Meréceo, lembralo é o mínimo que lle podemos dar”.