domingo, 8 de junio de 2025

Alfonso Rueda volve pedirlle a Sánchez que convoque eleccións “polo ben de Galicia e de toda España”


O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, volveu a pedirlle hoxe a Pedro Sánchez que convoque eleccións xerais “polo ben de Galicia e de toda España, para que empece unha nova época no noso país”.

Despois de dicirllo “directamente” a Sánchez esta mesma semana durante a Conferencia de Presidentes, Rueda fixo esta vez a petición antes de participar na concentración de Madrid, onde acudiu “por moitísimas razóns”: “Como presidente do PPdeG, representando a miles de afiliados, pero tamén como cidadán, representando por centos de miles de galegos”.

Acompañado dunha delegación de máis de 700 galegos e galegas, moitos dos cales acudiron en autobuses desde as catro provincias, Rueda uniuse a outros miles e miles de persoas —máis de 100.000— para dicirlle a Sánchez que “así non podemos seguir”.

“Un Goberno central que non é capaz de aprobar orzamentos, nin de aprobar unha lei nin ningunha medida, e que cada día está cercado por máis casos de corrupción e escándalos que non explican, é insostible”, sinalou.

Por tanto, o líder do PPdeG deixou claro que “o que hai que facer é deixar aos galegos e a todos os españois que falen”.

Na concentración estiveron xunto a el, entre moitos outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os catro presidentes provinciais: Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), #Luis Menor (Ourense) e Luis López (Pontevedra).