sábado, 28 de junio de 2025

Rueda reivindica o espírito de concordia e orgullo compartido na entrega das Medallas Castelao 2025


Asisto Hoxe en San Domingo de Bonaval ao acto de entrega das Medallas Castelao 2025


Nel o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a relevancia de preservar e proxectar a identidade galega como un espazo de encontro, especialmente nun momento histórico marcado polas incertezas e pola perda de consenso a nivel global: “As Medallas Castelao demostran, un ano máis, que a identidade galega non está marcada polo conflito, senón polo acordo. Que mentres noutros lugares do mundo a cohesión social se disolve e o individualismo se impón, en Galicia somos quen de tecer consensos”, salientou. O titular do Goberno galego puxo en valor a capacidade de Galicia para manter lazos de cohesión e respecto entre diferentes, fronte a unha realidade internacional cada vez máis fragmentada.


No marco da celebración do Ano Castelao, Rueda puxo en evidencia que esta conmemoración se articula en positivo, como homenaxe á memoria e á obra do autor rianxeiro, fuxindo de lecturas únicas e favorecendo a pluralidade de interpretacións como un dos sinais de fortaleza da sociedade galega: “No 75º cabodano da morte de Castelao ninguén esixe unha visión e lectura única da súa obra, do seu pensamento, da súa figura. Cadaquén pode e debe vivilo á súa maneira.”, apuntou.


A este respecto, o presidente salientou a relevancia de iniciativas como a exposición inmersiva sobre Castelao, a renovación da cátedra que leva o seu nome ou a dixitalización do anteproxecto do Estatuto de 1936, ademais da nova estación intermodal de Santiago de Compostela que leva tamén o nome de Castelao. Algo que “demostra que a popularización da figura de Castelao non a baleirou de contido, senón todo o contrario: fíxoa parte do noso ADN”, en palabras de Rueda.



Recoñecemento aos premiados

O xefe do Executivo autonómico felicitou aos galardoados este ano coas Medallas Castelao, a quen atribuíu méritos fundamentais para reforzar a cultura, a historia e a esencia do pobo galego. Referiuse ao grupo Luar na Lubre, como exemplo de modernización da música tradicional e de proxección internacional da identidade galega, e como un grupo “esencial para lograr que os galegos nos percibísemos e fósemos percibidos como herdeiros dunha tradición milenaria, a tradición celta”.


Tamén recoñeceu a Víctor Fernández Freixanes polo seu papel de impulsor da lingua e cultura galegas, tanto desde a súa traxectoria literaria como pola súa xestión á fronte da Real Academia Galega, remarcando que “chamarlle escritor é xusto pero é quedarse curto”. 


Ademais, enxalzou o percorrido empresarial de Emilio Pérez Nieto na dirección de Pérez Rumbao, ao que sinalou como referente do esforzo e da profesionalidade que caracterizan ao empresariado familiar galego, “sen esquecer nunca as esencias, con ese orgullo da empresa familiar”.


Rueda tamén resaltou o traballo de Rosa Rodríguez Álvarez como “símbolo da atención primaria humana e próxima que todos temos á obriga de construír”. A doutora recibiu o galardón en nome de todos os profesionais da atención primaria: “Ese edificio colectivo que é o noso sistema sanitario debemos valoralo como o que é, un auténtico tesouro”, remarcou o presidente.


Por último, encomiou o labor da Asociación Agaela e do sistema galego de coidado, reflectido no apoio ás persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA), ámbito no que Galicia foi pioneira en España, e que ten que ser “unha loita de todos”. A medalla a recibiu a vicepresidenta de Agaela, Susi Seoane, cunha intervención “que nos encheu a todos de emoción”, en palabras de Alfonso Rueda.




Patrimonio común


O titular do Goberno galego reivindicou a vocación de Galicia de aprender doutras realidades e, ao mesmo tempo, ser referente na defensa “do consenso, da unidade e da concordia”. Considerou que as Medallas Castelao representan, precisamente, ese patrimonio común que define ao pobo galego, e expresou o desexo de que sigan sendo símbolo de orgullo compartido por todos os galegos: “As medallas Castelao, ao igual que o rianxeiro que lles dá nome, son patrimonio de todos os galegos. Que ninguén o esqueza e que así siga sendo por moitos anos”, rematou o presidente.