miércoles, 28 de mayo de 2025

O Partido Popular de Ourense estará representado no Congreso Nacional de Madrid por 77 compromisarios

 


Onte o Comité Executivo do Partido Popular de Ourense puxo  en marcha os trámites para a elección dos militantes que representarán á formación popular no Congreso Nacional Extraordinario convocado para os días 4, 5 e 6 de xullo en Madrid. Os afiliados de toda a provincia, a través das 92 agrupacións locais, terán que elixir un total de 77 compromisarios.

 

A delegación ourensá dividirase entre 11 compromisarios natos, é dicir, o presidente provincial, deputados e senadores, e os membros da Xunta Directiva Nacional do PP. Haberá ademais dous representantes da organización xuvenil Novas Xeracións, que se escollerán entre todas as agrupacións da provincia, e a representante do Partido Popular en Panamá, Mariela Estévez.

 

Os restantes 64 compromisarios elixiranse entre todas as comarcas: 10 en Ourense; 9 na Limia; 8 en Verín; 6 en Celanova e O Carballiño; 5 no Ribeiro e Valdeorras; 3 na Baixa Limia; 2 en Allariz-Maceda e Viana; e 1 nas comarcas de Trives e Caldelas, respectivamente.

 

Unha vez concluído o pasado venres o prazo de sinatura de avais para os precandidatos, así como aprobada a repartición do número de compromisarios, o seguinte paso será a convocatoria oficial das asembleas de votación, tanto para a elección de compromisarios como dos representantes de Novas Xeracións (no caso de haber máis candidatos que prazas), ademais da votación aos precandidatos á presidencia nacional do PP.

 

O Comité Executivo acordou que as asembleas de votación celebraranse simultaneamente o día 16 de xuño nas doce comarcas da provincia, tanto nas sedes locais como nos lugares habilitados para estas convocatorias, en horario de mañá e tarde.

 

LUIS MENOR: “UN CONGRESO PARA AFRONTAR A TRANSFORMACIÓN DO PAÍS”

 

Na reunión desta tarde, o presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor a capacidade do PP de Ourense, “sempre listo para afrontar calquera tipo de convocatoria, sexa de partido ou electoral”. Con todo, para Luis Menor este próximo congreso nacional permitirá demostrar a forza dun partido que está “chamado a liderar o cambio”. Unha oportunidade para expresar “a nosa firme crenza en valores como a honestidade, a coherencia, a dignidade e o respecto á cidadanía”. Cun partido unido, forte e consolidado, como se verá neste conclave, engadiu Menor, “poderemos afrontar a transformación do país”.