Onte en Muxía o Partido Popular de Galicia reivindicou nun acto para conmemorar o Día das Letras Galegas que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e que, na medida en que forma parte da identidade de Galicia, “non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas”.
Así o asegurou a secretaria
xeral dos populares galegos, Paula Prado, na súa intervención no acto
organizado polo partido na Costa da Morte. Una intervención na que
concluíu que a homenaxe deste ano á poesía popular oral galega, e en concreto ás cantareiras, supón “un canto á alma de
Galicia” e un recoñecemento a todas aquelas mulleres que “ao longo da nosa Historia
engrandeceron a nosa cultura co son das súas pandeiretas e coa forza da súa
voz”.
“A Galicia moderna de hoxe non
se entende sen a súa Historia e tradicións, do mesmo xeito que a Galicia
orgullosa da súa lingua non se entende sen os cantos que lle deron voz e
melodía, nin tampouco se entende a Galicia que se escribe en feminino sen a
traxectoria de tantas mulleres valentes e poderosas que nos precederon”,
asegurou.
Para a secretaria xeral do
PPdeG, “ser conscientes do que somos é importante para reivindicar como
queremos seguir sendo e cara onde queremos ir”. Algo que cobra especial
relevancia nuns momentos nos que “todos xuntos temos a obriga colectiva de
trazar o mellor camiño para a lingua galega”.
Por iso, quixo reivindicar que
“mentres uns intentan apropiarse da lingua e ridiculizar a quen non a fala como
eles, desde o PPdeG seguiremos falando galego”. Así mesmo, “mentres uns
defenden modelos de imposición lingüística, nós seguiremos defendendo o
bilingüismo cordial e a liberdade de cada persoa para expresarse na lingua que
queira”.
“Mentres uns seguen instalados
no conflito, na axitación e en rachar con todo, nós seguiremos poñendo en valor
a importancia do pacto e dos acordos”, concluíu insistindo en que Galicia “é de
todos os galegos e galegas, vivan onde vivan, pensen como pensen e falen como
falen”.
LÓPEZ CAMPOS: “HONREMOS A QUEN
FIXO DA SÚA VIDA UNHA DEFENSA DO GALEGO E DO SEU PRESTIXIO”
O acto foi conducido pola coordinadora
de Cultura do PPdeG, María Baleato, que foi a encargada de dar paso ás
diferentes intervencións e de presentar a Asociación Cultural Trubisquiña de
Vimianzo, o grupo de cantareiras que interpretou tres pezas musicais.
O
responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López
Campos, defendeu que o Día das Letras Galegas é unha xornada para “honrar a
quen fixo da súa vida unha defensa do galego e do seu prestixio” e que, por
iso, as cantareiras “merecen o recoñecemento do pobo galego por facer da música un acto de identidade e erguer
a súa voz para dignificarnos como pobo”.
Na súa opinión, todas elas
“cumpriron a importante tarefa de manter viva a nosa lingua e, grazas á súa
voz, o galego non deixou de escoitarse e puido pasar de xeración en xeración”.
De aí a súa contribución á identidade colectiva de Galicia.
“Desde o PPdeG cremos que a
mellor defensa da nosa lingua é a través da convicción e non da imposición e
apostamos por defender o galego desde o convencemento de que é o noso maior
tesouro e que debemos coidalo para legarllo ás novas xeracións”, concluíu
comprometéndose a seguir traballando na defensa e o prestixio da lingua.
SANDRA VILELA: “TEMOS CLARO QUE
NON HAI FUTURO SEN RAÍZ”
Pola súa banda, a voceira do
partido en Muxía, Sandra Vilela, sinalou na súa intervención que “non é casual”
a elección deste concello para celebrar un acto como este: “En Muxía apostamos
pola cultura dándolle vida ás tradicións, dignidade á nosa lingua e espazo ás
nosas raíces. Porque temos claro que quen non coida da súa cultura, acaba por
esquecerse de si mesmo”.
“Facémolo porque estamos
orgullosos do que somos, con orgullo, con convicción e sen complexos”, explicou
apuntando a que con este homenaxe ás cantareiras a quen realmente se homenaxea
é “ás nosas avoas, ás nosas nais e a todas esas mulleres que fixeron da voz
unha ferramenta de resistencia e de identidade”.
Desde o orgullo e o
agradecemento, quixo concluír facendo un chamamento a “ser conscientes de que
herdamos algo que temos a obriga de conservar” e reivindicando que “se algo
temos claro no PPdeG é que non hai futuro sen raíz”.