Esta mañá a Xunta de Galicia reiteru que o reforzo estival do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para o traxecto Galicia-Madrid nas viaxes que se realicen entre o 9 e xuño e outubro é “un parche” e non dá resposta ás demandas reais da cidadanía para contar cuns servizos ferroviarios de calidade nin ás necesidades de Galicia.
Segundo o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trátase dunha medida só para os meses de verán que, ademais, se realiza con “afán propagandístico” e para “tapar o caos” e as continuas incidencias e incumprimentos de horarios rexistrados na comunidade a diario tanto nos trens de alta velocidade como nos Avlo de baixo custo ou os de media distancia. A isto súmanse os problemas coa venda de billetes que impiden aos usuarios planificar as súas viaxes.
O conselleiro lamentou que os reforzos previstos polo Goberno central deixan a Ferrol sen a súa única conexión directa con Madrid, o que obriga ás persoas usuarias a realizar un transbordo na Coruña cunha espera de case media hora. No que se refire ás frecuencias das cidades galegas coa capital, en Lugo non hai novidades porque mantén o Alvia que comunica con Madrid. No caso de Vigo tamén se manteñen as catro viaxes actuais. Ademais, os enlaces anunciados desde Ourense xa estiveron dispoñibles o ano pasado na tempada estival e no Nadal.
Diego Calvo volveu reiterar que Galicia precisa dunha oferta de billetes axeitada para que as persoas usuarias poidan planificar as súas viaxes e non só "promesas insuficientes" para a época estival. "Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos", engadiu, tendo en conta que, por exemplo, entre Madrid e Barcelona hai billetes xa dispoñibles sen ter que agardar ata o 9 de xuño e pódense mercar viaxes ata decembro.
Por outra parte, o conselleiro volveu reclamar ao Ministerio que designe o interlocutor con Renfe comprometido para informar á Xunta estas cuestións e as continuas incidencias co obxectivo de evitar que o Goberno galego teña que coñecer estes e outros anuncios polos medios de comunicación e, case sempre, sen concrecións.