lunes, 5 de mayo de 2025

O Consello da Xunta de Galicia aprobou dúas convocatorias de axudas enmarcadas no Plan de turismo termal de Galicia, destinadas á creación e rehabilitación de establecementos turísticos

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe dúas convocatorias de axudas enmarcadas no Plan de turismo termal de Galicia. Por unha banda, apoiarase desde Turismo de Galicia a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico de establecementos na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso da comunidade, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo. 

Pola outra, subvencionarase a rehabilitación ou reforma de establecementos deste tipo que xa estean en funcionamento.  As dúas convocatorias teñen carácter plurianual para o período 2025-2026 e están enmarcadas no Plan territorial de vilas termais e cascos históricos, unha actuación confinanciada con fondos NextGeneration da Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. 

A primeira das convocatorias recoñece como actuacións subvencionables aquelas en que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico con servizo de balneario ou talaso. Deberán contar coa declaración da condición de mineral, termal ou de manancial das augas no momento de presentación da solicitude.  A convocatoria inclúe dúas liñas de axudas, unha primeira centrada na construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e na adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso; e a segunda, destinada aos sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso. 

En total, a convocatoria ten previsto un crédito de 1,7 M€, dos que 1,4 M€ se centran na primeira liña e 300.000 € na liña 2.  Para poder optar á subvención, as iniciativas terán que cumprir dúas condicións de tres propostas. Estas son crear un mínimo de cinco postos de traballo directos, favorecer os vínculos con axentes públicos e privados do territorio para xerar un efecto panca positivo no sector turístico, ou contribuír á sostibilidade turística mediante programas de actividades ou xornadas de sensibilización. Poderán resultar beneficiarias destas axudas as pequenas, medianas e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto deste tipo na Comunidade Autónoma de Galicia.  

Proxectos de rehabilitación 

A segunda convocatoria céntrase na posta en marcha de proxectos de rehabilitación ou reforma de establecementos turísticos coa categoría de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, que no momento da solicitude conten con circuítos termais e ofrezan servizos e tratamentos vinculados ao emprego de augas mineromedicinais ou do mar. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria e teñan inscrito e autorizado ou clasificado no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia o establecemento turístico para o que se solicita a axuda. 

Nesta convocatoria diferéncianse tres liñas de gasto subvencionable para cada proxecto. 

A primeira céntrase na propia reforma ou rehabilitación das instalacións, mentres que a liña 2 destínase a medidas de eficiencia enerxética e economía circular nas infraestruturas termais, que contribúan á mitigación do cambio climático. A terceira liña busca fomentar a difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde, a través de iniciativas como xornadas, publicacións e programas. 

As axudas están dotadas con 6,085 M€, que se distribúen nas tres liñas de tal modo que a primeira recibe 5,265 M€, a segunda 300 mil € e a terceira 520 mil €.  Nas dúas convocatorias aprobadas hoxe polo Goberno galego está establecido que os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados con data límite do 30 de xuño de 2026. Tamén comparten o prazo de presentación de solicitudes, que será de dous meses desde que transcorran oito días naturais a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, prevista para a primeira quincena do mes de maio.