Hoxe o presidente
da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou a culminación do fito da cesión de funcións,
servizos e medios por parte do Goberno central que permitirá a Galicia asumir
plenamente a ordenación e xestión dos máis de 2.500 quilómetros que abrangue o
seu litoral.
A nota de
prensa da Xunta dí:
“Durante o
acto oficial de traspaso, ao que asistiu tamén o ministro de Política
Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, o titular do Goberno
galego cualificou o acordo como “histórico” e subliñou que responde a unha
demanda xusta, sensata e amplamente apoiada pola cidadanía e polo conxunto do
Parlamento de Galicia.
A Xunta asume
dende agora a responsabilidade sobre unha franxa costeira na que se asentan
máis de 4.000 edificacións de todo tipo, incluíndo máis de 100 empresas do
complexo mar-industria, esenciais para a economía galega: “Ás máis de 4000
edificacións, ás 100 empresas da cadea mar-industria, a toda a vida económica,
a todo o enorme respecto co que coidamos a nosa contorna natural faltáballe a
capacidade de xestión que achega a proximidade”, destacou Rueda.
O xefe do
Executivo autonómico, quen defendeu que a xestión autonómica permitirá brindar
seguridade xurídica, axilizar trámites e asegurar os empregos e investimentos
asentados na costa galega a través dunha normativa propia e adaptada a dita
realidade: a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia:
“Poder xestionar o litoral desde unha comunidade autónoma sen dúbida vai
mellorar a xestión. Exercerémolo con respecto á legalidade, por suposto; con
todo o rigor técnico e xurídico e coa máxima transparencia posible. E
compatibilizando o respecto ao noso tesouro, que é o noso medio ambiente, coa
necesidade de que haxa unha vida económica ordenada”, salientou o presidente.
Ademais, Rueda
agradeceu o amplo consenso político que fixo posible este acordo de traspaso:
“Quero agradecer que esteamos hoxe aquí. O final de todo este proceso foi
impecable. As facilidades que tivemos unha vez que nos sentamos a negociar a
concreción desta transferencia quero poñelas en valor”, remarcou.
O presidente
apuntou que Galicia non busca privilexios nin confrontación, senón ferramentas
eficaces para xestionar o seu futuro: “Non pedimos privilexios, só facer aquilo
ao que temos dereito e que podemos facer ben”, afirmou. Neste senso, remarcou
que este acordo non é bo só para Galicia, senón para todo o territorio
nacional: “Se a Galicia vai ben, a España vai ir ben. E moito máis nunha
competencia como a que estamos a xestionar. Formamos parte dun país chamado
España, a moita honra, coa nosa identidade galega. E cremos que hai cousas que
se poden facer desde aquí e que podemos facer o mellor posible”, concluíu
Rueda.”