martes, 22 de abril de 2025

Rexeitamos e denunciamos o inxustificable boicot á tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 a Galicia


Hoxe fixen unhas declaracións tras coñecer a aprobación da 29ª prórroga á tramitación da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 a Galicia acordada esta mañá pola Mesa do Congreso dos Deputados.

Foron estas:

“Os deputados do PPdeG no Congreso seguimos denunciando o persistente boicot do Goberno de Pedro Sánchez ás iniciativas unánimes do Parlamento de Galicia.

Unha vez máis, a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e por Sumar, volve aprobar a prórroga, neste caso a número 29 desta Lexislatura e a 44 desde que Pedro Sánchez é presidente, da tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.

Un Congreso dos Deputados totalmente dominado polo Executivo de Pedro Sánchez que nin convoca un Debate sobre o Estado da Nación, nin presenta proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado, e tampouco admite que se poidan tramitar iniciativas democráticas que veñen de parlamentos tan importantes como o Parlamento de Galicia e subscritas por unanimidade.

É indignante que un trámite que foi acordado despois da toma de consideración desta proposición pola vía de urxencia leve esta cantidade de prórrogas que impiden que esta iniciativa pase xustamente á Comisión de Transportes para ser obxecto de debate e de acordo, que é o que nós perseguimos.

Insisto, rexeitamos este boicot, denunciamos que é inxustificable e seguiremos insistindo ata que remate este infame agravio e aldraxe a Galicia”.