martes, 4 de marzo de 2025

Alfonso Rueda, destaca a efectividade do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade

 

Onte o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a efectividade do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e que foi posto en marcha en xaneiro. 

Tal e como explicou, os datos dos primeiros dous meses en vigor revelan que “as resolucións emitidas sobre o grao de discapacidade aumentaron case un 60% -respecto do mesmo periódo do anos anterior- e un 24% os expedientes resoltos sobre dependencia”

En concreto, o informe indica que desde xaneiro se resolveron 3.563 expedientes de dependencia, o que supón un 24% máis que no mesmo período do ano anterior. A estimación é que ata o 31 de marzo se poidan resolver 3.500 expedientes máis. Ademais, neste tempo emitíronse 4.555 resolucións de recoñecemento do grao de discapacidade, un 57% máis que no mesmo período de 2024. A previsión é que ao longo do mes de marzo se resolvan 2.345 expedientes máis.

Este impulso ás valoracións débese, en gran medida tal e como explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabila García, “á redución ao máximo dos trámites” ao introducir o novo modelo de solicitude conxunta que xa está operativo desde o mes de xaneiro. Con este modelo só é necesario presentar a solicitude para iniciar o procedemento.

Outro dos indicadores do avance deste plan é que desde o mes de xaneiro se emitiron por homologación 6.028 novas resolucións de recoñecemento ou de revisión do grao de discapacidade a persoas con dependencia.

Así pois, a conselleira indicou que “a previsión é rematar o primeiro trimestre deste ano con máis de 7.000 expedientes de dependencia resoltos e outros 13.000 de discapacidade, o que suman un total de 20.000”.

No relativo ao persoal, Rueda lembrou que “se crearon as xefaturas de servizo de discapacidade nos catro departamentos territoriais e reforzouse a área de dependencia” con 11 profesionais. Ademais destas novas incorporacións, mantéñense ata o 2027 os plans de reforzo de persoal para as valoracións, que suman máis de 100 profesionais que continúan prestando os seus servizos.

O plan tamén incluía a realización de formación específica tanto para o persoal da consellería como para o dos centros de saúde e dos concellos. Neste momento, xa se realizaron cursos presenciais para os profesionais dos equipos de valoración das catro provincias. E tamén se desenvolveron seis sesións formativas dirixidas específicamente aos servizos sociais comunitarios e de saúde en que participaron 870 profesionais. Ademais, estanse a desenvolver seminarios web para persoal administrativo e terapeutas ocupacionais.

Plan de produtividade e mellora da citación

Tamén no eido do persoal, comezou a implantación do plan de produtividade con incentivos económicos, que está a ter boa acollida. De feito, García indicou que aproximadamente “o 70% dos profesionais dos servizos de dependencia e discapacidade amosaron a súa disposición a participar neste plan”.

Outro dos piares do plan posto en marcha en xaneiro é a mellora das citas. Para optimizar este servizo, implantouse un sistema de citación automática a través de mensaxes no móbil co obxectivo de axendar as citas de maneira consensuada coas familias. Nos dous primeiros meses de aplicación, “máis do 60%” -segundo explicou Rueda- das persoas que recibiron a mensaxe nos seus móbiles confirmaron ou modificaron a cita.

En canto á mellora da coordinación sociosanitaria, estase a elaborar un protocolo de colaboración co Sergas, que será asinado proximamente e que permitirá cruzar toda a información necesaria para o expediente. A principal vantaxe para o usuario é que se elimina o paso de acudir ao médico de cabeceira para solicitar o informe de saúde, que pode ser solicitado de oficio polos servizos de dependencia.

O plan tamén reforza o papel dos servizos sociais comunitarios, reducindo as súas tarefas administrativas e burocráticas para que se poidan centrar no asesoramento e atención directa ás persoas. 

Por último, reforzouse a atención preferente co establecemento de tres vías prioritarias para os maiores de 80 anos ou persoas que sofren enfermidades como a ELA. Ademais, a conselleira resaltou que tamén se outorga automaticamente e sen pasar por valoración “o grao III de dependencia ás persoas con Párkinson en grao 5, con cánceres terminais, persoas encamadas ou que padezan tetraplexía” .

O informe elevado onte ao Consello é a primeira avaliación do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e que comezou a aplicarse en xaneiro de 2025. O obxectivo deste plan, en que o Goberno galego inviste 90 M€, é resolver as solicitudes nun prazo máximo de seis meses. 

O plan conta con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.