jueves, 6 de marzo de 2025

Congreso local do PP en O Barco de Valdeorras

Inmaculada Rodríguez García (O Barco, 1974) foi elixida como nova presidenta do Partido Popular no Barco de Valdeorras durante o congreso da agrupación local celebrado esta tarde na vila, coa presenza do presidente provincial, Luis Menor, e ao que asistin.

 

Trala proclamación como presidenta, Inmaculada Rodríguez agradeceu o apoio recibido por parte da militancia, así como tamén por parte da dirección provincial, asegurando que aceptaba esta nova responsabilidade “con moitas gañas de traballar”, o que segundo explicou significa “facer unha escoita activa da veciñanza para coñecer as súas inquedanzas, pero tamén escoitar á militancia para mellorar e ampliar o partido”.

 

A nova presidenta local entende que a palabra clave para a etapa que agora se abre no partido é confianza, “xa que só desde a confianza no noso partido seremos quen de ofrecer solucións ás nosas xentes”.


Rodríguez, profesional do sector do turismo, tivo no seu discurso palabras de recordo para a súa nai, Elena García, que foi concelleira no Barco de Valdeorras entre 1999 e 2003 e da que aprendeu, dixo, “a motivación pola política, que agora se intensifica”.

 

Na clausura do congreso, o presidente provincial, Luis Menor, agradeceu a Inmaculada Rodríguez e o seu equipo este paso adiante “para liderar unha nova etapa do partido no Barco”, afirmando que vía ilusión e gañas por comezar “unha dinámica de traballo que debe ter por obxectivo preparar as eleccións municipais de 2027”.

 

Con todo, o presidente provincial lanzou unha chamada á responsabilidade e o compromiso, pedindo intensidade no traballo para deseñar iniciativas que respondan ás necesidades das xentes “e conseguir que o Partido Popular do Barco sexa a formación política que máis se pareza á veciñanza”.

 

Para Luis Menor é básico trasladar á cidadanía ilusión polo cambio, “que hai un novo proxecto para este concello e para revitalizar a súa condición de capital de comarca”. Un obxectivo que só pasa por “estar en permanente contacto coas xentes, abrindo o partido”, e incorporando a todas aquelas persoas que desexen participar nunha nova etapa.








https://www.somoscomarca.es/articulo/obarco/inma-rodriguez-nueva-presidenta-pp-barco-es-solo-principio/20250307053040192427.html

https://www.valdeorrasdecerca.com/inmaculada-rodriguez-elegida-presidenta-del-pp-en-o-barco/

https://osil.info/inmaculada-rodriguez-elixida-nova-presidenta-do-pp-no-barco/