No evento visibilizouse a unión das rexións atlánticas
en ámbitos como o transporte e a intermodalidade; o corredor de hidróxeno e as
enerxías renovables ou o Camiño de Santiago como distintivo vertebrador.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes Diego Calvo participou na clausura da xornada e xa interviu na mesa redonda Infraestruturas de transporte do Arco Atlántico, na que abordou a necesidade de que o Goberno central impulse o Corredor Atlántico, unha rede estratéxica e prioritaria para a comunicación e a loxística do noroeste peninsular.
Así llo
lembrou ao comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, a
quen lle indicou que o Goberno galego segue sen ter compromisos, cifras e
prazos concretos sobre a relación de obras e o horizonte temporal da súa
execución nin do grupo de traballo técnico que se comprometeu constituír.
Nesta liña, segundo destacou o conselleiro, son imprescindibles “unhas boas conexións ferroviarias e portuarias con Portugal e co resto de Europa”. En concreto, puxo como exemplo a falta de avances no AVE Vigo-Porto e na saída sur de Vigo ou a exclusión de Vigo como porto nodal.
De
feito, advertiu de que o actual estado das obras na parte española son
incompatibles cos prazos dados polo Goberno central para antes de 2032 e tendo
en conta que os trámites pendentes demoraríanse polo menos ata 2034.
Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia puxo
en valor a alianza das rexións do Arco Atlántico na súa cuarta conferencia para
afrontar os desafíos económicos, ambientais e sociais que afectan á rexión
atlántica e seguir avanzando en proxectos que fortalezan e a fagan competitiva
a nivel europeo.
Este evento permitiu incorporar as empresas á alianza
entre as cámaras, empresas, administracións, universidades e a cidadanía co
obxectivo de promover o Arco Atlántico como macrorrexión e apostar polo
desenvolvemento do seu tecido económico.
Alzar a voz en Europa
Nesta mesma liña, durante a inauguración do encontro,
a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou por “alzar
a voz en Europa” e reivindicar “aquilo que nos fai fortes como espazo
económico” para que a fachada atlántica “non quede illada” das grandes
decisións que se adoptan en Bruxelas.
Nese sentido, fixo referencia á celeridade coa que
debe aplicarse o novo plan para o sector da automoción aprobado esta semana
pola Comisión Europea e, ao respecto, lembrou que Galicia leva tempo reclamando
ante as institucións comunitarias que se adopten unha serie de medidas que
permitan blindar esta industria fronte á ameaza da guerra comercial.