miércoles, 26 de febrero de 2025

Rueda insta ao Goberno central “a poñerse a traballar” e acelerar a execución do Corredor Noroeste entre Galicia e Portugal

 


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe ao Goberno central que “se poña a traballar” e inicie as actuacións que lles corresponden a España para acelerar a execución do Corredor Noroeste entre Galicia e Portugal. “É unha infraestrutura fundamental para vertebrarnos coa rexión estratéxica da que formamos parte e para que ambas partes se retroalimenten e manteñan o seu potencial”, indicou.

Durante a súa intervención no encontro Conectando o Noroeste -organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra-, Rueda agradeceu a presencia do ministro de Infraestruturas de Portugal, Miguel Pinto, e resaltou o compromiso amosado en diferentes ocasións coa posta en marcha desta infraestrutura.

Ambos poñentes subliñaron o papel vital do Corredor Noroeste como un motor estratéxico para a dinamización da economía, o comercio e o transporte da Eurorrexión que compoñen Galicia e Portugal, que inclúe a preto de 6 millóns e medio de residentes. 

O Corredor supón un pulo para a competitividade do tecido empresarial galego e portugués que, sen embargo, subordínase ao compromiso político das respectivas Administracións. 

Deste xeito, o xefe do Executivo galego eloxiou os avances realizados polos lusos en materia de desenvolvemento ferroviario para afianzar a competitividade mutua e instou ao Goberno español a seguir o mesmo exemplo. Rueda fixo fincapé en que nun momento en que se está a falar “de orgullo de país” e da necesidade “de reivindicarnos”, sería contraproducente “ver como avanzan as obras nun lado e do outro non chegamos cando a distancia é moito máis curta”.

A implantación do Corredor Noroeste entre os dous territorios tería ademais vantaxes a nivel medioambientais e de redución dos tempos de traslados. Grazas ao Corredor o desprazamento entre Vigo e Oporto levaría aproximadamente uns 50 minutos e lograríase unha redución do impacto medioambiental de entre 50.000 e 70.000 toneladas de CO2 ao ano. 

Rueda apelou á unidade de acción entre Galicia e Portugal e agradeceu ao tecido produtivo que apoie a Xunta na demanda desta infraestrutura. “Necesitamos un tren de mercadorías en condicións e do século XXI e non o temos”, indicou.