lunes, 27 de enero de 2025

Luis Menor chama á “contundente” participación da sociedade ourensá na campaña de recollida de sinaturas contra os “malabarismos” de Sánchez para seguir no Goberno

O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, fixo hoxe unha chamada á “contundente” participación da sociedade ourensá na campaña de recollida de sinaturas que o partido vén de poñer en marcha a nivel nacional para reclamar a suba das pensións, o mantemento das bonificacións ao transporte e as axudas aos damnificados pola DINA en Valencia.

 

Menor pediu aos ourensáns que apoien unha iniciativa que ten por único obxecto conseguir “o necesario apoio do goberno ás verdadeiras preocupacións da cidadanía”, lonxe de “malabarismos políticos” que só teñen como fin manter a Sánchez na Moncloa.

 

Para o presidente provincial, esta grave situación pon de manifesto a “total falta  de capacidade” de Sánchez para chegar a acordos, así como para presentar e aprobar uns orzamentos que respondan ás necesidades dos españois, pois moitos dos asuntos que inclúe o “decreto ómnibus” deberían estar incorporados a uns orzamentos, e non sometidos á “hipocrisía e chantaxe” do goberno.

 

Menor pide aos populares ourensáns que expliquen en todos os ámbitos da sociedade o trileirismo dun presidente que pretendía “comprar o voto” dos partidos que forman parte dunha pretendida “maioría progresista”, aprobando un real decreto no que se mesturaban temas básicos para o benestar da cidadanía con outros relacionados coa protección á okupación, a limitación da capacidade financeira das comunidades autónomas, a suba de impostos ou ata a transferencia dun palacete ao PNV.

 

Os máis de 104.000 pensionistas ourensáns teñen todo o dereito do mundo á revalorización das súas pensións, igual que as persoas que no seu dia a día precisan do transporte para desprazarse ao seu traballo ou para estudar, apunta Luis Menor, “sen tratalos como reféns para seguir no poder”.

 

Os gobernos do Partido Popular na Deputación de Ourense e na Xunta de Galicia, engadiu Menor, si poden executar verdadeiras políticas de benestar porque “contan con orzamentos anuais que reflicten as necesidades da cidadanía”.