viernes, 31 de enero de 2025

O PPdeG demanda ao Goberno central o traspaso dos medios necesarios para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre o litoral

 

O Partido Popular de Galicia traslada ás Cortes Xerais a súa demanda para urxir ao Goberno central a que cumpra a súa obriga de transferir a Galicia os medios necesarios para que a comunidade autónoma poida exercer as súas competencias estatutarias sobre a xestión do litoral.

Faino a través dos seus representantes no Senado en no Congreso, liderados pola senadora Pepa Pardo e polo deputado Pedro Puy, que veñen de rexistrar sendas iniciativas parlamentarias nas que preguntan polos prazos que manexa o Executivo estatal á hora de facer efectiva a transferencia tanto dos medios materiais e persoais como do crédito, os expedientes e os edificios necesarios para facer efectiva a Lei do litoral de Galicia aprobada en 2023.

Unha reivindicación que fundamentan na decisión do Tribunal Constitucional de avalar esta norma aprobada polo Parlamento de Galicia, desestimando así o recurso de inconstitucionalidade interposto polo presidente do Goberno de España.

Recordan ademais que, a pesar de que o pasado mes de decembro se alcanzou un acordo entre o Goberno galego e o estatal no que este último comprometía a transferencia a Galicia da xestión do seu litoral, a día de hoxe “aínda non se traspasaron os medios necesarios para exercer esta competencia tan importante para a Comunidade con máis quilómetros de costa de toda España”.

Os populares galegos denuncian que nestes nove meses os avances nesta cuestión “sucedéronse a contagotas” e poñen en dúbida a suposta dificultade na que se escusa o Goberno central á hora de cuantificar os medios dos que actualmente dispón o Estado para a xestión da costa galega.

De aí que conclúan amosando o seu convencemento de que “as razóns destes atrasos teñen menos que ver coa dificultade técnica que coa escasa vontade do Goberno de Sánchez de facer nada en positivo por Galicia”.