domingo, 26 de enero de 2025

O PPdeG reclama ao Goberno de Sánchez que cese na súa pretensión de eliminar paradas de autobús estatais en 22 concellos de Galicia, delas 6 en Ourense

 

Estacion buses de A Rúa
O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno de Pedro Sánchez que garanta a mobilidade nos concellos galegos asegurando o mantemento das 22 paradas que o novo mapa de concesións de liñas de autobús estatais pretende suprimir e recuperando as xa suprimidas.

Con este obxectivo e en aras de defender o dereito dos galegos e galegas a unha mobilidade axustada ás especificades poboacionais do territorio, os populares presentarán unha moción en todos os concellos afectados e organizarán recollidas de firmas entre a veciñanza dos mesmos. Unha acción encabezada polo coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide.

“O Goberno central debe garantir por lei a maior conectividade posible nas zonas rurais, ademais de dotar orzamentariamente e de forma suficiente os novos mapas concesionais para garantir o servizo de transporte público”, defenden sinalando que que a reestruturación de liñas de autobús estatais proposta vai no sentido contrario e ademais afectaría de xeito moi negativo aos veciños de 22 concellos galegos. En total, veríanse afectados máis de 130.000 galegos.

Nesta liña afirman que o novo mapa concesional de transporte por estrada de competencia estatal no que traballa o Goberno de Sánchez suporía deixar aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Rios, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño sen parada. De feito, neste último e noutros, as paradas da liña estatal xa foron suprimidas.

“Esta decisión é inadmisible para estes municipios polo seu gran impacto social, económico e territorial”, conclúen desde o PPdeG e por iso na súa moción instan ás diferentes corporacións municipais a trasladar ao Goberno de España dúas demandas claras en nome dos seus veciños.

A primeira, garantir a mobilidade dos veciños dos distintos municipios galegos retirando a proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús, mantendo as paradas que se pretenden suprimir e recuperando as xa suprimidas.

Seguidamente, que calquera proposta que pretenda establecerse en relación con este servizo de mobilidade incorpore as demandas trasladadas desde Galicia para garantir así que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da Comunidade e se preste especial atención ás conexións do e no rural.



UNHA PROPOSTA FEITA DESDE A IMPOSICIÓN

Os populares galegos recordan que en 2022 tivo lugar un primeiro intento por parte do Goberno de Sánchez de impoñer un novo mapa de rutas de autobús estatal que “provocou gran alarma e alegacións tanto entre os gobernos autonómicos como entre a cidadanía” porque nel xa se prevía a supresión de paradas e rutas.

A pesar de que no seu momento se retirou esta proposta ante o rexeitamento que provocou, o Executivo estatal, lonxe de rectificar, volveu propoñer un novo mapa concesional co que “retomaba a indisimulada intención de suprimir paradas e rutas en termos semellantes aos do ano 2022”.

“A nova proposta faise desde a imposición, sen contar coas comunidades autónomas e sen atender nin ás alegacións presentadas desde Galicia nin ás peticións dos veciños afectados”, sosteñen no PPdeG destacando que o Goberno galego sempre defendeu que se tiveran en conta as peculiaridades xeográficas e poboacionais da Comunidade e se prestase especial atención ás conexións rurais.

De aí que conclúan denunciando que “con este modo de entender o servizo público, Pedro Sánchez pon por riba do equilibrio territorial criterios económicos que só levan ao deterioro do transporte público e que van en contra de comunidades como Galicia, dos dereitos dos concellos do rural, da igualdade de oportunidades dos seus veciños e do obxectivo de acadar o asentamento poboacional.

O GRUPO PROVINCIAL DO PP DE OURENSE URXE AO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ A QUE RETIRE A PROPOSTA DO MAPA DE LIÑAS DE AUTOBÚS E NON “ILLE” Á VECIÑANZA DO RURAL

O grupo provincial do Partido Popular defenderá no próximo pleno unha moción para instar ao Goberno central a que garanta a mobilidade de toda a veciñanza de Ourense, retirando a proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús que suprime paradas ata en seis concellos da provincia e recuperando as xa suprimidas. Os populares critican que a nova proposta faise “desde a imposición, sen contar coas outras administracións (autonómica, provincial e local), nin atender ás peticións da veciñanza”.
O Partido Popular xa solicitara que se tiveran en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da provincia, e prestárase especial atención ás conexións no rural, básicas cara a loita contra a despoboación e o envellecemento.
 
“As decisións do Goberno central van na dirección contraria de reverter esta situación, xa que, co novo mapa, 6 concellos ourensáns máis quedarían illados das rutas estatais”, destaca a voceira do PP, Patricia Torres.
 
Desde o grupo provincial do Partido Popular alértase de que coa reestruturación do Ministerio de Transportes elimínanse 90 tráficos dentro de Galicia. Un recorte que deixaría sen parada aos concellos de Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa e Allariz na Provincia de Ourense e Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova,  Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño, no resto de Galicia.
 
Con este modo de entender o servizo público, os responsables políticos da administración central “poñen por riba do equilibrio territorial criterios económicos que só levan ao deterioro do transporte público e que van en contra das necesidades de Galicia”, reiteran os populares, que culpan ao Goberno de Pedro Sánchez de “prexudicar aos dereitos dos concellos do rural e á igualdade de oportunidades”.
 
Así, subliña o grupo popular provincial, estase a ver como se desmantelan pouco a pouco todos os servizos estatais, facendo fincapé nos máis básicos como son Correos, a seguridade cidadá, o ferrocarril e o transporte público por estrada, “facendo menos atractivo o noso territorio para atraer poboación e que a cidadanía ourensá sufra as consecuencias, chegando incluso a ter que deixar o seu fogar de toda a vida”, explica Patricia Torres.
 

Por todos estes motivos, o PP defenderá no pleno da Deputación a retirada da proposta do mapa de liñas de autobús e, ademais, instará ao Goberno de España a que calquera proposta que pretenda establecerse incorpore as demandas trasladadas desde todas as administracións en relación con este servizo de mobilidade, en particular, que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da nosa provincia e se preste especial atención ás conexións do e no rural.