“A nosa porta está aberta, conta
con nós”. É o lema escollido pola Vicesecretaría de Igualdade do Partido
Popular de Ourense para conmemorar este 25N. Esa porta dos populares simboliza a
esperanza cara unha saída á situación de violencia que sofren as mulleres
vítimas, na liña que narraba a cantante Rozalén na súa canción “La Puerta
Violeta”.
Ao carón desa
porta simbólica, os populares ourensáns sumaron mensaxes dirixidas ás mulleres
que sofren a violencia nos seus fogares, tales como “non cales”, “cre en ti”,
“ti podes”, “non o permitas”, “dá un paso adiante” ou “chama ao 016”. Ademáis,
a secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, foi a encargada de dar lectura ao
manifesto dos populares ourensáns con motivo do Día Internacional para a
Eliminación da Violencia Contra as Mulleres: “Queremos lanzar unha mensaxe de
esperanza a todas as mulleres, e sobre todo incidir na prevención e
coordinación entre administracións para que as mulleres vítimas reciban o apoio
e atención especializada que precisen”, dixo a secretaria provincial dos
populares ourensáns.
A vicesecretaria de Igualdade, Elena Freijedo, recalca que con esta acción de visibilización, concienciación e apoio, “o PP de Ourense quere poñerse do lado das mulleres vítimas de violencia, demostrarlles que non están soas, e que poremos todo o noso esforzo, o noso empeño e o noso traballo como partido en erradicar esta terrible lacra da nosa sociedade”.