martes, 15 de octubre de 2024

Rueda reivindica unhas mellores conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal e un impulso real á liña de alta velocidade entre ambos territorios


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal e dar un impulso real á liña de alta velocidade que unirá ambos territorios. “Ten que ser un obxectivo fundamental porque vai permitir interconectar persoas e mercadorías”, indicou Rueda.

Así o reclamou esta mañá tras asumir a presidencia rotatoria da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, un organismo creado en 1991 para potenciar a colaboración na Eurorrexión. “Temos unha relación que é un tesouro e temos que coidar”, indicou sobre a cooperación entre ambas rexións en diferentes eidos desde hai anos.

Na súa intervención, destacou que a fronteira entre Galicia e Portugal “é a mais permeable, fluída e con máis relación de toda a Unión Europea entre territorios transfronterizos”. Lembrou que conta co maior tránsito de toda a liña divisoria entre España e Portugal, polo que marcou como unha das prioridades da súa presidencia seguir reclamando unha mellora das conexións ferroviarias. 

Nesta liña, destacou o compromiso do Goberno luso con poñer en marcha esta infraestrutura ferroviaria e asegurou que a Xunta vai “presionar e reclamar ao Goberno español” para que tamén “estea a altura”. 

Rueda tamén avogou por seguir aproveitando as potencialidades da afinidade lingüística entre galego e portugués –“temos a vantaxe de non ter unha barreira idiomática”, indicou- e por seguir mellorando os dereitos e condicións dos traballadores transfronteirizos co deseño do “estatuto dos traballadores”.

Ademais, a Xunta demanda que as comunidades autónomas e as CCDR teñan representación nos cumios ibéricos que se celebran entre o Goberno español e o portugués. Son as que mellor coñecen as necesidades do territorio e a súa voz debe ser tida en conta, independentemente de que sexan os Estados os que coordinen e controlen as iniciativas.