Trátase da edición máis profesional ata o momento coa participación de entidades públicas e privadas de 25 países que acoden á feira para impulsar o desenvolvemento e a promoción dos seus destinos termais. A feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar convértese así no mellor escaparate que reflicte un novo florecer do termalismo en Galicia, a comunidade líder en España neste sector turístico xa que conta con 20 balnearios que xeran 19.000 empregos e que atraeron en 2023 a 190.000 turistas.
O presidente da Xunta,
Alfonso Rueda lembrou que Galicia é a primeira potencia termal en España e a
segunda en Europa, un sector que xera 19.000 empregos -entre directos e
indirectos- en Galicia e que atraeu o ano pasado a preto de 190.000 turistas.
Salientou que o termalismo
reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: un
turismo sostible, de calidade e que permite desestacionalizar a chegada de
viaxeiros á comunidade. Neste sentido, fixo un chamamento a saber aproveitar as
“posibilidades turísticas, medicinais e de promoción que ofrecen as augas
termais.
Anunciou que o Goberno autonómico ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinados a modernizar e mellorar as instalacións termais e que forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia.
Está previsto que o Plan específico para o termalismo se poña en marcha antes de que finalice o ano, contando con esa liña de axudas que virían dos fondos Next Generation da Unión Europea. Ademais, contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre distintas áreas da Xunta neste eido e a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización.
Unhas medidas que se suman ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos que promove melloras en áreas termais e que conta cun orzamento de máis de 21 millóns de euros ata 2026.
Rueda aproveitou para destacar as boas cifras que acadou Galicia este ano a nivel turístico en xeral, que tamén quedaron reflectidas no sector termal, e animou “a seguir traballando con este tesouro que temos, que nace do centro da terra e fala de Galicia por todo o mundo”.