sábado, 14 de septiembre de 2024

O Grupo Popular solicita a constitución da Comisión de estudo sobre a reforma do financiamento autonómico

 

O Grupo Popular vén de solicitar a constitución, no menor prazo de tempo posible, da Comisión de estudo sobre a reforma do financiación autonómico, co obxectivo de elaborar o ditame definitivo logo das comparecencias e a documentación aportada durante a pasada lexislatura, coa posibilidade de incorporar, se procede novos informes actualizados. O portavoz popular, Alberto Pazos, explicou que este documento “servirá de apoio ao Goberno galego nas súas demandas nas necesarias negociacións multilaterais que se deberán realizar para elaborar e acordar o novo financiamento autonómico, ben a través da convocatoria dunha Conferencia de Presidentes ou dun Consello de Política Fiscal e Financeira, coa presencia de representantes de todas as comunidades autónomas”.


Alberto Pazos manifestou que “vivimos un momento preocupante respecto do financiamento das comunidades autónomas, no que nos atopamos cun Goberno de España totalmente débil e a mercé do independentismo catalán, conseguindo inaceptables compensacións polo seu apoio para manter a Pedro Sánchez na Moncloa e nomear a Salvador Illa como Presidente da Generalitat”. “Primeiro foi a condonación da débeda a Cataluña e agora o cupo catalán, co que iso suporá de merma no financiamento para as demais comunidades autónomas”, dixo.

Diante desta situación, Alberto Pazos considerou que “o Parlamento de Galicia non debe quedarse quieto nin calado, como pretenden tanto o BNG, para non molestar aos seus aliados independentistas cataláns; como os socialistas galegos, para non estorbar nin entorpecer a continuidade de Pedro Sánchez na Moncloa, e urxe elaborar un documento no que se recolla as conclusións desta comisión de estudo”.

Neste sentido, lembrou que entre as conclusións aportadas polos expertos “quedou claro o rexeitamento ao cupo para todas as comunidades autónomas ou a cesión significativa de máis porcentaxe do imposto sobre a renda, medidas que porían en risco a capacidade de redistribución do Estado e serían especialmente prexudiciais para Galicia polas súas maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación”.