Primeiro á Santa Misa e logo ao acto no que tivo lugar intervención do director Francisco González, e do subdelegado do goberno Eladio Santos e a entrega de diplomas e medallas coas que o centro penal recoñeceu o esforzo, o traballo e maila dedicación de internos nos ámbitos terapéutico, educativo, de evolución persoal, deportividade ou rendemento laboral, así como o labor de funcionarios, gardas civís, asociacións sen ánimo de lucro e entidades sociais e profesionais de distintas disciplinas vinculados co centro.
Francisco González, destacou o gran traballo que realizan a diario os seus funcionarios e a boa actitude dos internos en canto á participación nas numerosas actividades educativas, laborais e formativas, así como programas especializados de tratamento que lles ofrece o centro.
Tamén mencionou as saídas programadas que organizan co obxectivo de lograr o desenvolvemento persoal e a preparación para a vida en liberdade dos máis de 100 internos participantes; as melloras realizadas nas súas infraestruturas; e non se esqueceu dunha especial mención ás forzas de seguridade do Estado, Xudicatura e Fiscalía, pola súa estreita colaboración. “Compartimos o obxectivo común que é velar pola garantía dos dereitos dos cidadáns e dos internos e internas así como pola seguridade de todas e todos”, sinalou.
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou o bo funcionamento do centro de Pereiro en canto ao logro do obxectivo de reeducación e reinserción social de quen cumpre condena. “A clave dos resultados está no persoal, e non tanto nos regulamentos. Só as persoas son capaces de xerar este cambio rehabilitador nos internos”. Mostra de que o modelo ourensán funciona é que “o 80% dos internos deste centro penal non reinciden. Un notable alto, e subindo, o que fala da súa excelencia. Rexeitamos experimentos represivos e destrutivos. Trátase unha vez máis de transformar para construír”, insistiu.
Ademais, o subdelegado lembrou o apoio que o Goberno de España está a mostrar ás institucións penais. “No caso de Pereiro, ademais da recente renovación das instalacións de cociña, que son modélicas, xa están aprobadas investimentos por valor de 5 millóns de euros para a recollida de pluviais e optimización de cubertas, renovación de pavillóns de funcionarios e celas, melloras de fachadas e na eficiencia enerxética, instalacións de enerxías renovables, por citar algúns”, explicou.