miércoles, 25 de septiembre de 2024

A Xunta volve reclamar ao Goberno o cumprimento do compromiso de ampliar as bonificacións nas autoestradas estatais AP-9 e AP-53


A Xunta volve reclamar ao Goberno o cumprimento do compromiso de ampliar as bonificacións nas autoestradas estatais AP-9 e Santiago-Dozón (AP-53).

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou hoxe no Parlamento que asistirá o 16 de outubro ao Pleno do Congreso para escoitar ao ministro de Transportes, Óscar Puente, á espera de que “aclare a súa posición respecto da AP-9 e da ampliación das bonificacións”.

Lamentou o incumprimento do acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG, que indicaba que “nos Presupostos Xerais do Estado para 2024 se implementarán os descontos para usuarios superrecurrentes na AP-9, do 20% actual ao 50%; e se equipararán na AP-53 e seguiremos traballando para conseguir a gratuidade da peaxe”.

Criticou que tendo materializado o Goberno ese acordo co BNG, o ministro Óscar Puente sinala estes días que non se cumprirá ese compromiso con Galicia por ter prorrogados os Presupostos estatais. Non obstante, ao mesmo tempo, esta fin de semana refería que “non había ningún problema por non ter Orzamentos aprobados”.

Subliñou que a Xunta exixe que se habiliten as ferramentas orzamentarias precisas para darlle cumprimento a todos os compromisos adquiridos, posto que non se demandan partidas novas senón a ampliación das xa existentes e que, por tanto, se aumenten as bonificacións aprobadas.

Fixo fincapé en que a autoestrada estatal que comunica Santiago e Dozón (AP-53) é das máis caras de todo o estado e a única sen ningún tipo de bonificación.

Lembrou que os galegos “seguimos pagando as autoestradas estatais máis caras” e “autoestradas e autovías de similares características transfírense noutras comunidades autónomas, pero torpedéase en Galicia”.

Puxo o acento no “profundo desinterese co que o ministro de Transportes despacha a transferencia ou a posibilidade de rescate da AP-9 cun baile de cifras que non obedece a ningún estudo público”.

Concluíu reiterando un trato xusto e equitativo para Galicia, é dicir, que o Goberno do Estado remate coa arbitrariedade e a falta de interese coa que afronta os asuntos da nosa comunidade.