sábado, 13 de julio de 2024

Luis Menor elixido presidente no Congreso provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense


Asisto hoxe como compromisario ao 19º Congreso provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense celebrado no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital coa presenza dos presidentes galego e nacional, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo.

 Nel Luis Menor Pérez (O Pereiro de Aguiar, 1964) foi proclamado como novo presidente do Partido Popular de Ourense co apoio do 93,74 % dos 575 compromisarios que participaron no 19º Congreso provincial extraordinario do PP ourensán,


Menor afirmou que hoxe pon “a cero” toda a súa bagaxe profesional e política, destacando que, ao igual que en Galicia, “en Ourense fixemos tamén unha transición modélica”. A partir deste momento pediu ao novo equipo manter a unidade como bandeira e dixo ter como obxectivo conseguir a máis ampla base, comprometéndose a manter sempre abertas as portas a todos os que queiran participar: “Aquí cabe todo o mundo para colaborar e achegar, estiveran antes ou sexan novas incorporacións”.


O xa presidente estableceu unha folla de ruta política na que deixou claro que as urnas concedéronlle ao PP a bandeira da representatividade na provincia: “E imos defendela, demostrando que non aceptamos vetos de ningunha forza política”, emprazando aos novos representantes do PP a “non fallar a Ourense”, ademais de pedir “traballo e rigor na cidade fronte ao populismo”.


Nesa defensa dos ourensáns, o presidente emprazou aos representantes do Partido Popular provincial, que hoxe tamén asumiron unha responsabilidade, a que “escoiten e dialoguen, única fórmula do bo traballo, como demostramos cando, doutro lado da mesa, tamén atopamos escoita, diálogo e consenso”.


TRASLADAR A TODA A ORGANIZACIÓN NA PROVINCIA A ESTABILIDADE QUE ESTE CONGRESO OUTORGA AO PARTIDO


Como “declarado municipalista”, tamén desde a súa condición de alcalde, advertiu que o mundo local é a base de todos os éxitos, de calquera formación que aspire a gobernar e conseguir a confianza da xente: “Nós temos esa confianza, pero non en propiedade; temos que ser a solución e nunca o problema”.


Entre os primeiros retos que estableceu citou “trasladar a toda a organización na provincia a estabilidade que este congreso outorga ao partido”, poñendo xa o foco nas eleccións municipais de maio de 2027 para estar perfectamente preparados, especialmente “alí onde non gobernamos; e cando hai candidato e programa, a xente escolle o PP”.


“AFÁN COLABORADOR” COAS ADMINISTRACIÓNS


Como partido que máis se parece a Ourense, indicou, “saberemos das súas necesidades e poderemos ofrecer solucións”, lembrando neste punto a resposta que o PP foi quen de dar na cidade “fronte aos populismos baleiros de contido durante as eleccións autonómicas”, en referencia aos 12 compromisos asinados por Alfonso Rueda e Luis Menor.


Nesta liña abondou no afán de colaboración institucional do PP de Ourense, “que exerce con convicción alí onde goberna”, poñendo tamén como exemplo a capacidade de acordo entre a Deputación e Xunta para definir unha vintena de apostas concretas en proxectos estratéxicos para a provincia.


AGRADECIDO POLO APOIO DOS COMPROMISARIOS, Á FAMILIA E OS LÍDERES GALEGO E NACIONAL


Luis Menor tamén reservou no seu discurso un amplo capítulo para os gradecementos, que iniciou dando as grazas aos 539 compromisarios que apoiaron a súa candidatura.


Ademais de ter emotivas palabras para a súa familia, tamén agradeceu á militancia a súa presenza “pola imaxe de mobilización que transmitides e que dá unha boa medida da nosa enorme forza política”.


O presidente do PPdeOU puxo en valor a amizade persoal con Alfonso Rueda, “que apostou pola miña candidatura”, dirixíndose tamén a Alberto Núñez Feijóo para lembrar que lle prometera que Ourense non ía fallar nas autonómicas, “e non fallou”.