lunes, 17 de junio de 2024

Os deputados do PPdeG no Congreso urximos ao Goberno central a axilizar o despregamento da banda ancha no rural galego para previr o illamento tecnolóxico

 


Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso vimos de rexistrar unha proposición non de lei e unha batería de preguntas ao Goberno co obxectivo de previr o illamento tecnolóxico no rural galego mediante o despregamento da banda ancha nestas zonas.

Facémonos eco así das consecuencias e do prexuízo que xeraría o peche das centrais de cobre (ADSL) previsto para o ano 2025 ante a actual falta de acceso a fibra óptica en moitos pequenos concellos de Galicia. De feito, ciframos en máis de 104.100 as familias galegas que verían afectada a súa conectividade pola decisión do Goberno central de substituír o ADSL por un sistema de fibra óptica que, a pesar de ser máis preciso e eficiente, aínda non se encontra dispoñible en moitos lugares.

O rural galego, xa de seu marxinado en termos de conectividade, enfrontaríase así a un illamento aínda maior que prexudicaría non só a calidade de vida dos seus habitantes, senón tamén ao desenvolvemento económico, a igualdade de oportunidades, a cohesión social e a vertebración territorial da nosa Comunidade.

Por iso os parlamentarios galegos do Partido Popular no Congreso urximos ao Goberno a tomar medidas inmediatas para garantir que todos os cidadáns, independentemente da súa localización xeográfica ou do seu lugar de residencia, teñan acceso a unha conexión de internet rápida e fiable.

E facémolo a través dunha proposición non de lei na que propoñemos, entre outras cuestións, o desbloqueo e aceleramento dos permisos de despregue da banda ancha, a redución da burocracia e a simplificación de trabas administrativas na súa implantación ou a mellora das competencias e capacidades dixitais dos residentes en contornas rurais e con problemas de despoboamento.

PREGUNTAS REXISTRADAS

Os deputados do PPdeG rexistramos tamén, de xeito paralelo, unha serie de preguntas das que desexamos obter resposta por escrito por parte do Goberno central:

  • É posible que algún municipio galego corra o risco de quedar incomunicado tras o anuncio de clausura das centrais de ADSL e a falta de acceso a fibra óptica?
  • Que accións concretas está tomando o Goberno de España para suplir as necesidades de conectividade nos pequenos municipios rurais que carecen de acceso a fibra óptica e se verán afectados polo ceso do servizo de ADSL, tras o anuncio de clausura de todas as centrais de cobre no país en 2025?
  • Cales son as accións específicas que o Goberno de España está implementando para abordar a brecha dixital e a desigualdade nos pequenos municipios rurais?
  • Que medidas concretas está tomando o Goberno de España para mitigar as limitacións económicas ás que se enfrontan os pequenos municipios rurais ante o cese do servizo de ADSL e a falta de acceso a fibra óptica?
  • Cales son as medidas especificas que o Goberno de España está adoptando para abordar a telemedicina e a atención médica remota en liña nos pequenos municipios rurais, cuxa poboación é maioritariamente de idade avanzada, fronte ao cese do servizo de ADSL e a falta de acceso a fibra óptica?
  • Que accións concretas está emprendendo o Goberno de España para combater o despoboamento  o éxodo rural fronte ao cese do servizo de ADSL e a falta de acceso a fibra óptica?