O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Xunta vai investir “23,5 M€ para reforzar a seguridade viaria en 130 treitos ao longo de máis de 500 quilómetros de estradas autonómicas”.
Para iso, o Consello da
Xunta deulle hoxe luz verde á Estratexia de actuación en treitos de
concentración de accidentes e treitos de alto potencial de mellora en vías
autonómicas para o período 2024-2027.
Estas intervencións serán
cofinanciadas nun 60 % con Fondos feder, para o que a Xunta xa dispón dunha
destas liñas de financiamento asignada.
Os 23,5 M€ supoñen,
segundo indicou Rueda, un incremento do “62% do orzamento” respecto da anterior
Estratexia 2016-2020. Tal e como explicou o presidente, o Goberno galego está a
traballar para poder comezar este ano a execución de actuacións consideradas
menores e avanzar na contratación da redacción dos proxectos que requiren dunha
tramitación máis longa, de modo que se desenvolvan as obras nesta lexislatura.
O obxectivo é continuar
incrementando a seguridade viaria nas estradas autonómicas, unha prioridade
para a Xunta. Este propósito vai na liña do Plan de seguridade viaria de
Galicia 2022-2025, que establece como principio a “Visión 0”, é dicir, buscar
un horizonte en que non haxa vítimas de accidentes de tráfico a longo prazo.
Eliminación de treitos de
concentración de accidentes
No marco da estratexia
hoxe autorizada, o Goberno galego prevé destinar un investimento de preto de
6,5 M€ a actuacións de mellora da seguridade en 21 treitos de concentración de
accidentes, que se estenden ao longo de 33,7 km de estradas.
Unha vez identificados os
treitos de concentración de accidentes da Rede autonómica de estradas, que son
os intervalos en que se producen máis sinistros, deséñanse actuacións eficaces
para reducir as vítimas de accidentes. Así, por exemplo, nestes tramos
acométense “reformas de interseccións, calmados de tráfico ou melloras de pasos
de peóns”, entre outras accións.
Estas intervencións
daranlle continuidade ás executadas na primeira estratexia, que entre os anos
2016 e 2020 permitiu reducir a sinistralidade nun 60 % nos treitos en que se
actuou. Cómpre lembrar que na primeira estratexia de eliminación de tramos de
concentración de accidentes se interveu en 52 ‘puntos negros’, para o que se
mobilizou un investimento de 14,4 M€.
De xeito máis concreto, reformáronse 119 interseccións viarias, construíronse 24 novas rotondas e melloráronse 138 pasos de peóns. Estradas que perdoan Por outra parte, para o período 2024-2027 tamén se programan obras en 109 treitos de alto potencial de mellora que se desenvolven ao longo de 480,41 km de vías autonómicas, para o que se dirixirá un orzamento de máis de 17,2 M€. Trátase da eliminación de obstáculos nas vías autonómicas co fin de conseguir ‘estradas que perdoen’ os erros que poidan cometer os condutores e dar unha segunda oportunidade de volver á calzada.
As obras previstas para acadar este obxectivo, según indicou
o presidente, engloban “melloras do firme”, optimización da sinalización e o
balizamento, “mellora dos sistemas de contención, reforzo da iluminación en
pasos de peóns”, mellora do trazado e interseccións ou acondicionamento de
marxes.